Jota de Rodiño, Sergude

Roberto Casal DevesaO Sr. Roberto Casal Devesa ten 92 anos, nativo de Lestedo leva a maior parte da súa vida en Rodiño – Sergude. Ensinoulle a bailar o panadeiro de Crespo-Lestedo cando tiña 14 anos e dende aquela xa non deixou asistir ás festas con máis sona no lugar para se mover ao son da música: o patio de Sta Cruz, os Dolores de Vedra,… Lembra nos diferentes bailes aos que asistía que cando comezaba a bailar o solto a xente paraba toda e facíanlle un corro para os contemplar e lles aplaudir.

Nos seus inicios comezou a tanxer os seus primeiros puntos con Josefina “de Xaquín”, momentos que recorda con moito cariño. Anos máis tarde o seu curmán e mais el formaban un pequeno grupo de só dúas parellas coas irmáns Candalas de Trove, que axeitaban moi ben.

robertoAo sr. Roberto só lle gusta bailar ao son das bandas, inda que recorda as festas de pandeireta, acordeón ou gaita mais el non acostumaba participar delas. Os ritmos cos cos que mellor axeitaba eran os que marcan as músicas; no recordo aquelas jotas pausadas ou as muiñeiras avivadas eran as que mellor lle ían.

Unha das súas teimas foi ensinarlles a bailar o solto aos fillos, o cal conseguiu con algún deles. Desde cativos, na casa puña música de banda e amosáballes os pasos e logo nas festas patronais facíalles bailar o aprendido.

El cóntanos que para ser bo bailador hai que ter a cualidade de entender a música que soa, pois ela indícache o que tes que facer en cada momento. Xunto a isto, cómpre ter unha parella ben espabilada que estea á altura, sempre bailando con todo o corpo, como di el: “ter xeito ou dar ghrasia ó bailar. Ghrasia non de dar risa senón de mostrar porte, elegancia, talante e presenza cando un baila”.

Seráns na Casa

alvariza

Dende fai uns anos vense celebrando con gran éxito os “seráns da nasa” que son a máxima expresión viva do noso folklore. Conservado gracias os numerosos xóvenes que alí se dan cita, o igual que os grupos musicais que acuden, de todo o pais , para participar nestes seráns.

Neste último serán da temporada presenta ALVARIZA a súa nova formación de “ORQUESTINA.” Estes grupos musicais situanse na transición entre as bandas de música e as orquesta modernas. Presentan unha moi rica instrumentación, como: clarinetes, saxo, acordeón, frauta, gaita, caixa e bombo con pratiños, co que mesturan os ritmos máis tradicionais cos máis recentes e modernos.

Para esta ocasión a ORQUESTINA DE ALVARIZA decantarase polos ritmos propios para bailar o solto, muiñeiras e xotas, manifestando asi unha fonda preocupación pola música de raiz que veñen investigando dende hai 15 anos , baixo a responsabilidade da A. C. A REGIONALISTA .

Xunto con ALVARIZA, o vindeiro 29 de abril do 2009, estarán apartires das 21:30 os seus compañeiros e veciños de Teo, “ FARGALLOS” encargados de iniciar o serán e logo “ A MAMOA” Luou- Teo e para rematar e pechar este serán “ OS REPUBLICANOS ”

O CICLO DO ANO ve a luz este xoves 14 de maio, entrega co GALICIA HOXE dun libro cd

A asociación A Regionalista publica en colaboración co xornal Galicia Hoxe un traballo de campo entregado en formato libro-cd co devandito diario e que pretende ser un pequeno tributo a toda a xente anónima que fai posible -a través do recordo- a recuperación de todo tipo de manifestacións culturais de raíz galega coma bailes, música, traxes, instrumentos, cantigas… Xunto a isto pretendemos dar a coñecer costumes propios do noso pobo –ás veces do máis curioso como o tocar dos trebóns en Vilariño de Conso para avisar da chegada do recadador de impostos-, curiosidades que moitos de nós descoñeciamos e que non desexamos esmorezan no maxín duns poucos ou no caixón dalgún escritorio.

ciclo1

Queremos que vostedes participen con nós -a través destas páxinas- da experiencia vivida no seu día e se decaten da riqueza do patrimonio inmaterial da nosa terra que está a desaparecer. En sete episodios percorremos as catro provincias galegas destacando en cada unha delas vivencias de carácter etnográfico que xiran en torno ao ciclo do ano. A nosa cultura está marcada por celebracións -moitas veces de orixe pagá- que marcaban o transcorrer anual en tempos pasados. No noso estudo escollemos -nun traballo que podería ser inabarcable de non poñer limitacións- momentos claves do ano no quefacer diario do nosos ancestros, desde decembro coas vivencias do Nadal, pasando polo Entroido, a Semana Santa, os Maios, as añas (ciclo do millo), a seitura e finalmente a Tasca do liño no inverno. Unha viaxe circular que comeza e remata nos meses inverníos.

As tres persoas que realizamos este proxecto desexamos que nos acompañen de “recollida”, termo empregado para viaxes e traballos como os que aquí presentamos, por estes sete episodios que pretenden dar conta dunha pequena mostra do que foi a vida do noso pobo, e da que desafortunadamente cada vez hai menos rastro.