O Sr. Roberto Casal Devesa ten 92 anos, nativo de Lestedo leva a maior parte da súa vida en Rodiño – Sergude. Ensinoulle a bailar o panadeiro de Crespo-Lestedo cando tiña 14 anos e dende aquela xa non deixou asistir ás festas con máis sona no lugar para se mover ao son da música: o patio de Sta Cruz, os Dolores de Vedra,… Lembra nos diferentes bailes aos que asistía que cando comezaba a bailar o solto a xente paraba toda e facíanlle un corro para os contemplar e lles aplaudir.
Nos seus inicios comezou a tanxer os seus primeiros puntos con Josefina “de Xaquín”, momentos que recorda con moito cariño. Anos máis tarde o seu curmán e mais el formaban un pequeno grupo de só dúas parellas coas irmáns Candalas de Trove, que axeitaban moi ben.
Ao sr. Roberto só lle gusta bailar ao son das bandas, inda que recorda as festas de pandeireta, acordeón ou gaita mais el non acostumaba participar delas. Os ritmos cos cos que mellor axeitaba eran os que marcan as músicas; no recordo aquelas jotas pausadas ou as muiñeiras avivadas eran as que mellor lle ían.
Unha das súas teimas foi ensinarlles a bailar o solto aos fillos, o cal conseguiu con algún deles. Desde cativos, na casa puña música de banda e amosáballes os pasos e logo nas festas patronais facíalles bailar o aprendido.
El cóntanos que para ser bo bailador hai que ter a cualidade de entender a música que soa, pois ela indícache o que tes que facer en cada momento. Xunto a isto, cómpre ter unha parella ben espabilada que estea á altura, sempre bailando con todo o corpo, como di el: “ter xeito ou dar ghrasia ó bailar. Ghrasia non de dar risa senón de mostrar porte, elegancia, talante e presenza cando un baila”.