A figura de Don Gervasio
Orixes
O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace en Cerdeira, Vilariño (Teo) o protagonista deste libro e a quen lle queremos render tributo polo seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia: Don Gervasio Salgueiro Estévez.
Fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez, tivo tres irmás: Consuelo, María e Ramona e un irmán, Manuel.
Dende pequeno gustábame a música, púñame ao lado dos músicos cando viñan tocar… quedaba alí quietiño…”
Estas son as palabras coas que Don Gervasio lembra os seus inicios e gusto pola música. Dende ben pequeno amosaba admiración polos músicos que se achegaban ás festas da aldea, máis cando seu pai convidaba a comer a membros da banda en tempos en que estes eran repartidos polas casas dos veciños nos días da festa. O pequeno Gervasio víaos coma xente importante, elegantes cos seus traxes e gorras, á parte de traer o instrumento que terminaba de engaiolar ao noso protagonista.
Dende estes anos el tivo claro que quería ser músico. A vocación, e en contra do que puideramos pensar, sabemos que non lle viña dada pola influencia directa de ningún familiar, se ben en “tempos antigos” puido existir algún antepasado músico.
Os seus inicios nesta arte foron no lugar de Couso onde asistía, aproximadamente á idade de dez anos, ás clases de Don Agustín Pazos dúas veces por semana. Dende a súa casa –na preguerra- ía polos camiños a pé.
O día 5 de setembro de 2009 botamos a andar o I Certame Persoeiros da Terra do Concello de Teo, homenaxe que recaeu na figura de Don Gervasio Salgueiro Estévez.
O acto realizouse na parroquia de Vilariño, ás 18.00 horas do serán, no mesmo campo do baile que conta cunha estupenda carballeira e palco da música.
Logo da pertinente e digna recepción das autoridades do concello co noso homenaxeado, procedemos ó descubrimento da placa conmemorativa a pé de palco, quedando así de forma perpetua o nome de Don Gervasio Salgueiro Estévez rexistrado no lugar que o viu nacer.
O acto comezou –musicalmente- co concerto de clarinete solista a cargo de Nicolás Otero Conde, o que foi un dos seus alumnos predilectos interpretou para a ocasión unha obra de virtuosismo, dando de seguido paso á Banda Cultural de Teo, que colaborou de maneira desinteresada neste acto, xa que don Gervasio foi o seu fundador e director durante os seus primeiros anos de existencia.
Xa para rematar as actuacións do evento, o grupo Alvariza da A.C. A Culturalista, vestidos cos traxes propios das bandas de primeiros de século, interpretou pezas das músicas daquela época, reproducindo así o que foran estas formacións e sons antigos. Desta forma fíxose unha viaxe atrás no tempo, dende a actualidade ata os inicios na música do noso homenaxeado.
Finalmente e, como era a nosa obriga, fixémoslle entrega dunha batuta feita polas mans dun ourive coñecido de Santiago facendo imperecedeiro este día. Da mesma forma, o concello correspondeu co seu papel facéndolle entrega de diferentes presentes ó tempo que recoñecían a súa traxectoria como músico e fundador de numerosas bandas dentro e fóra do municipio e coma formador mestre de músicos en toda a bisbarra.
O bo tempo acompañounos nunha tarde solleira e primaveral que nos quixo servir de marco nun acto tan solemne arroupado por toda a súa familia que admira e estima o labor de Don Gervasio, tamén como músico, por todos os veciños de Vilariño e achegados e por compañeiros de fatigas coñecidos ao longo dos máis de 80 anos dedicados á música polo noso protagonista.
Como broche final, todos os músicos alí presentes: Banda Cultural de Teo, Alvariza e membros da antiga Banda Artística de Vilariño subiron ó palco e, baixo a batuta recén estreada polo que fora seu mestre, interpretaron todos xuntos o Himno Galego.
De agradecer foi a colaboración de A Senra café, nas mans de Rober e Mari, que se sumou a este acto convidando a un suculento cátering para todos os alí presentes e participantes.
A Regionalista aproveitou este día para facer a presentación do libro que recolle a vida e obra de Don Gervasio, o cal foi un éxito rotundo pois neste primeiro día as vendas superaron os 100 exemplares, o que resulta moi gratificante e nos motiva a seguir organizando estes eventos conmemorativos xa que son moitas homenaxes a persoeiros senlleiros que se perden no esquecemento.