Orixes
O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace o noso protagonista, fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez en Cerdeira, Vilariño (Teo). Destacando o seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia, presentamos a Don Gervasio Salgueiro Estévez.
O evoluír das bandas ao longo dos anos foi vivido e lembrado por D. Gervasio con estas palabras:
As bandas repartíanse en pequenos grupos. Por ejemplo na música de Vea eramos uns trinta músicos case sempre en formación de entre sete e nove membros, dependendo da dispoñibilidade e dos cartos destinados por quen os contratase mais, sete era o número mínimo. Os instrumentos “fixos” nestas actuacións eran o bombardino; saxo baixo, alto e tenor; caixa; bombo e algún clarinete.
Os seus inicios foron no lugar de Couso onde asistía dúas veces por semana -aproximadamente á idade de dez anos- ás clases de Don Agustín Pazos. En tempos da preguerra, e dende a casa familiar, camiñaba uns cinco quilómetros para poder aprender primeiramente as notas musicais e, a continuación, coller o seu primeiro instrumento: unha trompeta de cilindros. Ao pouco tempo chegaríalle ás mans o instrumento que o acompañará ao longo da súa vida: o friscorno.
Logo destes inicios chegou a época da guerra, momento tráxico para a evolución das bandas de música que viron interrompida toda actividade e crecemento, que non se verá retomado ao mesmo nivel ata a década dos setenta-oitenta. O conflito bélico supuxo un forte golpe para a música por mor da morte de moitos integrantes de formacións que tiveran que ir á fronte e, posteriormente o exilio doutros tantos, aspectos que fan que desaparezan moitas bandas.
Na súa dilatada carreira, á idade de dezanove anos Don Gervasio decide fundar a Banda Artística de Vilariño, no ano 1941. Por aquel entón era frecuente asistir a academias dúas ou tres veces por semana en lugares máis ou menos improvisados.
O oficio de mestre musical na década dos corenta era considerado de pobres, ao igual que o de mestres de escola, pois non cobraban nada pola academia –como fixera con el seu primeiro mestre- e daquela eran escasos os cartos nas vilas e lugares para contratar actuacións das bandas que dirixían e polas que si cobraban.
Pola man do mestre protagonista pasarían moitos músicos e, aínda que non todos saíron, si houbo verdadeiros talentos que chegaron a vivir da música, o que xa era moito.
Representación e escenografía
En moitas destas festas era frecuente ir “tocar o ramo”, é dicir, acompañar a imaxe do patrón ou patroa do lugar dende a casa do funcionista ata a entrada da igrexa. Coma bos convidados tocaban unhas pezas antes de botar a andar avisando a xente do lugar que se fora achegando para marchar todos en procesión. Unha vez na capela a formación musical oficiaba os actos relixiosos propios da misa como eran o alzar e a procesión e, para remate, un pequeno concerto á saída da misa grande.
O ramo do patrón é unha réplica dunha imaxe relixiosa en formato pequeno, 30 ou 40 cm dun santo venerado nunha parroquia concreta (o San Blas de Vilariño ou As Cabezas en Cacheiras), que o día grande é adornado con fitas de cores, caramelos, bombóns, etc… Todas as larpeiradas van envoltas con papeis chamativos e brillantes que conseguen acaparar a atención do público ao igual que as damas que o acompañan, polo xeral mozas da propia casa ou familiares. A comitiva do ramo vai presidida polos músicos.
Principalmente nos anos de escaseza económica a contratación das bandas estaba influenciada polo feito de degustar o que se coñecía coma a “Parva”, é dicir, quen contrataba o grupo de músicos ofrecía un xantar reservando unha mesa do convite só para eles; alá polas once e media da mañá, xa tiñan que comer. Como era o día grande da festa comida non faltaba, uns petiscos e ás veces incluso cocido ou callos, un único prato a repetir, viño do país e algún doce ou larpeirada. A alegría polo comer a fartar era un feito e o trato económico se cadra menor en contía permanecía adobiado con estes manxares.
Antigamente as bandas de música eran tamén coñecidas como “música” ou “músicas”