A Ruada de Lampai (Teo)

Trasmisores

Na cultura galega, as xuntanzas veciñais e os actos realizados nas mesmas          -principalmente no século pasado- permítennos recuperar hoxe o que identificamos como manifestacións culturais propias, algo que para os nosos devanceiros eran simples formas de vida e diversión.

Durante todo o ano, os bailes soltos, as cantigas e tamén os oficios requirían da unión e colaboración veciñal conformando un dos principias divertimentos no tempo de friaxe. Co comezo do outono cumpría buscar un espazo interior improvisado que se acomodaba dunha maneira sinxela, como podía ocorrer nas cortes do gando cando se estreaban coa molimada nova ou nun quinteiro o inxoito resgardado do frío e da auga. A relación entre o traballo e a música sempre tivo especial presenza na nosa cultura co gallo de facer máis liviá todo esforzo das nosas xentes.

A Regionalista

As ruadas, ao igual que as foliadas, eran reunións da mocidade que se adoitaban celebrar os domingos pola tardiña nun espazo improvisado (eiras, pallotes, quinteiros,..), onde se daban cita os mozos da bisbarra principalmente co fin de pasalo ben e mocear. Estas xuntanzas serían o prolegómeno do que logo deu nos salóns de festas.

Moitos foron os nosos transmisores que acudían a estas ruadas onde aprendían a bailar e tocar, como era o caso do Sr, Manuel Sande e do Sr. Pepe de Ferreiro (bombo e caixa respectivamente) quen, alá polos anos corenta, acudían coma músicos para amenizar as ruadas e, por suposto, a divertirse e mocear un pouco despois do traballo. De feito, algún deles atopou o seu amor nalgunha destas xuntanzas veciñais.

A Regionalista

Hoxe en día, o Sr. Manuel e o Sr. Pepe son a testemuña viva do que en antano foi a Requinta de Lampai (1942-1957). Xunto con Francisco e Andrés García, Manuel Álvarez e José Mª “o canteiro” constituíron un sexteto tradicional exclusivo das terras do Ulla, hoxe en vías de recuperación polas xeracións máis novas. Deles aprendemos esta muiñeira tan xeitosa que denominamos Muiñeira da Requinta de Lampai.

Enlace ao programa Luar