Alá polos anos noventa o xermolo da actual A Regionalista xuntábase nun dos seus primeiros grupos de traballo de campo co fin de investigar a música que rodeaba as beiras do Ulla. No noso percorrido, e coma sempre por causas do destino, visitando as terras de Boqueixón rematamos unha tarde de domingo no concello de Touro. Por diferentes aldeas comezamos a recadar nomes de transmisores sendo o que máis repetían as xentes da zona o dun gaiteiro MARCIAL DE FOXÁS… E alí marchamos, ao lugar de Foxás…
Cando chegamos a unha pequena aldea dirixímonos a unha das casas onde –como ocorre nas máis das ocasións- unha amable dona nos atendeu, presentounos o seu marido, un home máis ben pequeno, de pelo claro-canoso e cun bigote ao uso; de aire moi espelido. Logo das pertinentes presentacións, o noso amigo empezounos a contar anécdotas da súa mocidade; o Sr. Marcial sería a porta aberta cara a un dos últimos gaiteiros “dos de antes” -ou dos de sempre-, á vella usanza, “de oído”.
A música fervía no sangue daquel home que tocara en formación de cuarteto tradicional e tamén coa incorporación da requinta –moi presente na zona do Ulla. Nun dos seus alardes de cariño alá foi ao cuberto e trouxo o seu instrumental: gaitas, caixa, bombo, acordeón… Esta amabilidade aparecía conxugada con algo fundamental para nós pois, Don Marcial, non deixara que a súa memoria esquecera o repertorio que tiña co seu grupo (quinteto de requinta). A través do fío da conversa demos co Sr. Camiño e co Sr. Lelo, dous homes que tocaran con Marcial -a gaita e a caixa respectivamente-, integrantes vivos do grupo e –sorpresivamente- o segundo deles medio irmán do avó –bo bailarín- dun dos membros da Regionalista que estaba alí de recollida; “cousas da vida” que diría Castelao…
Tardes inesquecibles as que alí pasamos lembrando tempos vivos na memoria do mestre Marcial e preciosas melodías que debullaba cos dedos este gaiteiro manicho, elementos que fixeron xermolar unha forte amizade que duraría case vinte anos. As visitas foron varias, unha delas coa nosa charanga tocando baixo a dirección do mestre no día da festa do San Breixo.
A derradeira visita –tristemente- foi hai unhas semanas cando nos trasladamos para darlle o último adeus, polo que aquí vai a nosa pequena homenaxe e lembranza agarimosa a través destas letras, mentres o noso patrimonio musical continúa a desaparecer con axentes case sempre anónimos coma o mestre Marcial.
No pensamento de todos está o noso cariño cara a esta xente que tanto nos ten dado. Alí onde estea amenizará coa gaita a quen o acompañe…
Esquela de Don Marcial Iglesias Vázquez viúvo de Jesusa Iglesias Lista. Veciño de Foxás-Touro O GAITEIRO DE FOXÁS. Finou aos 92 anos de idade, o 22 de setembro de 2009.