No interior dos lindes teenses xermolou un fructífero número de acordeonistas que se espallaron alén do noso municipio. Entre eles, o Sr. Juan quen, en diversas ocasións, foi capaz de nos transmitir o seu legado materializado en extensas sesións, rescatadas da súa memoria e que conformaron un amplo repertorio propio dos acordeonistas da terra.
O Sr. Juan de Alén converteuse nun dos últimos tanxedores de acordeón diatónicos de tantos que poboaron Teo; só en Cacheiras contabilizamos uns dez, cifra bastante elevada para o pouco recoñecemento que se lle deu ata o de agora:
Daquela eramos moitos os mozos que tocabamos o acordeón; Sabino de Munín, Alfonso de Raxó, meus primos de Cobas…; unha chispa deles, había moita afición.
Ao igual que para moitos mozos do seu tempo, as posibilidades de estudar solfexo eran limitadas e o Sr. Juan viuse obrigado a aprender “de orella” algo que, comezando coma un xogo, chegaría a converterse na afección da súa vida:
Nunca toquei por diñeiro nin baixo contrato de ningún tipo, facíao por adevertirme e adevertir os alí presentes.
Romarías, tabernas, foliadas…, moitas foron as xuntanzas nas que se daban cita varios acordeonistas, encontros baixo un vaso de viño nos que intercambiaban coñecementos e pezas ante a atenta mirada dos noveis que escoitaban os veteranos coa misión de aprender un pouco máis.
Eu sentado no patín do hórreo poñíame a sarrallar no acordeón hasta que conseghía que me saíra a pieza como eu quería. Cando iba prás mozas teño levado o acordeón e ir e vir tocando; hoxe é moi raro que alghén pase tocando a xunta da noite e, de pasar, dirían que está tolo. Moito cambiaron os mundos.
Dende ben pequeno, o Sr. Juan tomou o gusto de tocar de seu pai e xa dera en “estrevillar” no acordeón vello que había na casa, ata que todo quedou paralizado coa morte de seu pai a unha idade moi temperá. Este acontecemento tráxico na vida do noso protagonista fixo que tivera que encarar a nova situación familiar deixando de lado a música. Sendo o segundo máis vello de seis irmáns, convértese no labrador da casa da man de seu avó, profesión que alterna coa de picar os muíños, labor que se lle daba moi ben, dado que era un home moi curioso.
Os anos baixo estas circunstancias pasaron, tantos que o acordeón se desfai no esquecemento ata que, un bo día -cando o Sr. Juan xa estaba xubilado-, o seu xenro Jesús o agasalla cun acordeón piano para que volva tocar e distraerse:
Ó primeiro costoume afaserme a el, pois estaba acostumado a tocar o de botóns -(diatónico)- e este tiña teclas de abondo. Empecei a buscarlle as notas pouco a pouco e, coa mesma, viñéronme as melodías á maxina, e veña a tocar…
Seguramente que aqueles tempos de gloria que viviron os diatónicos en Teo non volvan, pero sempre os poderemos recordar da man destes transmisores que conforman, sen dúbida, a memoria deste pobo.