A tradición e gusto pola etnografía galega xermolou en nós nos centros culturais e asociacións folclóricas do lugar de orixe de cada un, neste caso no Centro Cultural “Rosalía de Castro”, de Cacheiras. Todo comeza alá pola década dos noventa, cando algúns dos maiores do Centro, movidos polas ansias de recoller e recompilar todo tipo de información sobre os bailes, músicas e costumes de raíz dos nosos arredores, levamos a cabo un importante traballo de campo que aínda hoxe se conserva en devandita asociación teense.
Pasados uns anos volvemos a vista ao pasado e visualizamos algúns destes traballos de campo, entre as gravacións chamounos a atención un bailador e o seu tanxer nos pasos da muiñeira nos que contrastaba axilidade de pés e elegancia na trasmisión perfecta daqueles movementos.
Logo de facer as pertinentes pesquisas fomos dar con este mestre do baile o mesmo día da festa de Sergude, (era nativo de Lestedo, aínda que pasou a maior parte da vida en Rodiño-Sergude). O gran recoñecemento do que gozaba entre os veciños como gran bailarín do solto facilitounos moitísimo a localización do noso protagonista, o Sr. Roberto.
O noso amigo nunca tivo ningún reparo en transmitir os seus coñecementos a aqueles que alí se achegaban, el era moi consciente de que o de bailar o solto estaba a ser esquecido, xa ninguén bailaba nas festas ao son das músicas.
O bailar en verbas do Sr. Roberto non só se limita a executar uns pasos, é moito máis:
“Unha cousa e bailar e outra, moi distinta, é trasmitir. Para isto, un ten que bailar coa parella seguindo a música pero, ante todo, mostralo con todo o corpo. Non vale de nada marcar moi ben cos pés se a cabeza e os brazos van para outro lado, sempre hai que ir axeitados ao baile”.
Dende logo el nacera con ese don, algo innato que se levaba dentro e xermola con só escoitar a música. Lembra que xa dende neno o baile lle levou moita idea, aprendía axiña e dunha maneira rápida: “non me levaba tempo ningún”. De feito, cando comezaba a bailar nas festas ás que acudía era quen de atraer sobre el as miradas dos alí presentes, por moi remisos que foran a estes bailes. Así nolo demostrou nunha das visitas pois, con case oitenta anos, comezou a debuxar uns pasos cos pés ante os que quedamos marabillados.
Consciente do esquecemento no que ía caendo o baile solto, o Sr. Roberto amosou unha vontade constante por ensinar e transmitir, algo que o convertía nunha persoa entrañable. As ganas de adoutrinar no folclore aos que tiña ao seu redor nunca faltaron, en especial aos seus fillos, aínda que xa estes bailes non tiveran a aceptación social de antano entre a mocidade.
O Sr. Roberto Casal Devesa, foise aos 92 anos de idade deixándonos os mellores recordos como conservador-loitador empedernido do folclore galego. A el o noso máis sincero cariño e agradecemento.