Ribeirana de Santiago

As ribeiranas son bailes mixtos cunha coreografía máis ou menos concreta só coñecida polos intérpretes desta.
O home busca o seu lucimento ó mesmo tempo que “asoballa” a dama empregando todo o seu galanteo de virilidade para así impresionar a muller.
Pola contra, a dona móstrase máis submisa e pasiva nos seus movementos, sempre máis moderados e pausados cós do home.
Nas diferentes variedades rexistradas das ribeiranas, queremos facer fincapé na danza interpretada por un home e un grupo de mulleres impar, soen ser cinco ou sete. O varón realiza un pequeno cortexo para a elección da parella de baile entre as diferentes ribais femininas, reflectindo o poder social do home sobre a muller na época e que queda moi ben recollido neste dito polular: VALE MÁIS UN HOME CA SETE MULLLERES.

Os nosos informantes probablemente non son conscientes da importancia desta danza, nin coñecedores da súa función pois a aprenderon por imitación, mais estamos ante os que posiblemente sexan os derradeiros transmisores vivos que a viron e recordan, e o máis importante para nós, foron quen na súa xuventude de interpretar esta ribeirana en toda a súa significación.
As ribeiranas musicalmente interpretábanse con gaita e tamboril (unha das formacións máis antigas) aínda que os nosos informantes adaptaron a música ó toque da pandeireta, o que fixo posible que chegara ós nosos días. De cote falamos de ritmo de muiñeira pausado que, de apuralo, xa non estariamos a bailar unha ribeirana, algo que saben ben os nosos transmisores.
Esta Ribeirana propia da comarca de Santiago e arredores sufriu un rápida decadencia por diferentes motivos como a chegada doutros bailes máis modernos e sinxelos, os cambios socioculturais da vila de Santiago… etc.

Os nosos informantes, o Sr. Isolino e a Sra. Herminia, veciños de Grixoa, recórdana bailar pola festa do Apóstolo, o 25 de xullo. Para eles todo o noso cariño e gratitude pois sen a súa persoa isto non podería levarse a cabo.
Para un folclorista que dedica parte do seu tempo á recollida de datos de campo atopar con estas persoas é a maior satisfacción ó labor de investigación; un símil cun arqueólogo cando fai un achado dun fósil prehistórico, non no contexto de antigo, senón no de valor sociocultural.

Canto de Cruces

Logo do desenfreo do Entroido entramos na Coresma, dando paso a un momento de recollida e reflexión coa chegada da Semana Santa onde o noso folclore ten un lugar importante e destacado.
Os cantos de Sema Santa -tamén coñecidos como ‘cantos das cruces’ na comarca da Ulla- realízanse no xoves e venres santo. Como seu nome indica, nun principio tiñan lugar no exterior da igrexa, no adro, facendo o viacrucis de representación e subida ó Monte Calvario. Co tempo e, por diferentes motivos como as protestas dos maiores que non podían seguir os actos debido á súa extensión -trece cruces-  ou as inclemencias do tempo, foron pasando ó interior das basílicas onde participan todos máis comodamente. Esta mudanza ao interior dos recintos relixiosos non evitou que se seguisen a manter as tradicións percorrendo cada estación e deténdose xunto dela, momento no que se cantan estas pezas. Cada interpretación  lembra, un por un, os momentos da paixón de Cristo nun acto que no seu conxunto rememora a historia cristiá a través destas cancións que, basicamente, describen a imaxe de cada estación (cada parada que fixo Xesús).
As estacións son: trece pequenas representacións que corresponden cos trece momentos da paixón de Xesucristo, ben realizados en grupos escultóricos ou de pintura sobre lenzo, onde se observan con claridade os momentos máis destacables. En tempos pasados, onde a maioría da xente non sabía nin ler nin escribir, a execución desta actividade cumpre un papel importante na extensión da palabra de Deus entre os fieis. Estas imaxes axudaban a entender a liturxia na Semana Santa.
Desde A Regionalista procuramos darlle vida a unha pequena mostra oral, reducida, onde destacamos os momentos máis importantes da paixón: prendemento, flaxelación, Xesús carga coa cruz, coroación de espiñas (…) e, finalmente, a crucifixión.
Como a gran maioría dos cantos eclesiásticos estaban en castelán, con palabras e trazos dialectais propios da zona da Ulla, así os executamos. Nunha celebración cristiá en toda regra, transformada polos fregueses, as cantigas son de ton solemne, acordes co acto a celebrar, de melodía monótona, repetitiva e moi sinxela. Neste caso concreto consta de copla e estribillo: cada copla narra o momento da estación aparecendo intercaladamente o estribillo, que axuda a cambiar entre elas. Ao final este aparece pechando con certa énfase a composición, coincidindo coa morte de Xesús na cruz, nun momento en que se fan soar as carracas dende o fondo a igrexa (lugar que ocupan os homes) e desatando un son enxordecedor en todo o interior do recinto que axuda a teatralizar máis o momento da devandita morte, cando o ceo se cobre e forma unha gran treboada.
Carraca de carballoAs carracas son un instrumento percutivo elaborado en madeira autóctona (castiñeiro, carballo…) que os mesmos rapaces construían e empregaban en diversos actos, alén do visto, por exemplo no Entroido. Sendo un trebello exclusivamente masculino en canto ó seu uso, cumpría un papel fundamental en Semana Santa: por un lado contribuía -como dixemos- a lle dar máis viveza á representación do acto da morte de Xesús e, ao mesmo tempo, facía máis atractiva a afluencia da mocidade para participar nestes actos. Este aliciente de tocar dentro da igrexa neste tipo de representacións hoxe en dia está case desaparecido ou mesmo prohibido .
A vestimenta, ata hai ben pouco, era loito rigoroso. As mulleres e mociñas ían todas cubertas coas mellores galas, dábanse a ver fermosas mantillas de velo e pasamanería; grazas ó uso tan recente das mantillas son moitas as que se conservan.
Estes cantos, que tamén forman parte da nosa cultural oral, están a perderse pois xa non se cantan nos oficios da Semana Santa e a súa consecuencia é a desaparición. A rotura interxeracional de transmisión oral –de pais a fillos- faise patente e con ela moitas composicións quedan no esquecemento. En concreto, esta peza puidemos recompilala grazas á Srª. Antonia Sánchez, natural do concello de Teo, e quen aos seus 90 anos recordou para nós os cantos eclesiásticos que ela aprendeu dos seus avós na igrexa por estas datas.

Danza de Antroido no Ulla

 

danzantes de antroido en Reis (Teo)
A expresión do Entroido recolle no país diversos costumes e tradicións que fan desta festividade un evento moi rico e variado culturalmente, tornándose especifico en diversas áreas xeográficas.
Na zona que nos concerne, a comarca da Ulla, atopamos os coñecidos coma xenerais, exército vestido con roupas decimonónicas que percorre os lugares da parroquia dando as vivas ós patriarcas das casas a cambio dun donativo. Na actualidade isto é o máis salientable, atrás quedan as esquecidas danzas de Entroido na Ulla nas que, acompañando os xenerais, van os coros de vellos e bonitos. Estes últimos -formados pola mocidade- son os que normalmente interpretaban as danzas alí onde eran ben recibidos pola xente e, se o sitio o permitía, logo de executar o baile repuñan folgos cos pratos típicos: filloas, orellas, chulas, carne da cachucha, viño do pais, caña, anís.. o que se chama “pór a mesa para o Entroido”.
Verbo da vestimenta dos danzantes, as variacións foron notables no chamado “coro de bonitos”. Antigamente vestían de arriba a abaixo de branco -homes e mulleres-, portando mantóns de ramos e caxemir con bandas de cores, colares brancos e cadeas douradas. Os directores destacaban polas súas gorretas e chaquetas vistosas pero, máis se cabe, polos chambergos, sombreiros característicos da Ulla de forma cónica recubertos de pluma de ave e motivos vexetais; só se conservan na parroquia de Santeles, A Estrada, pois nos demais lugares xa se perdeu a tradición de mantelos.
Vestimentas de antroido, onde se aprecia o "chambergo", Santeles - A Estrada
Con respecto á danza, esta foi recollida entre o concello de Teo e o da Estrada a diferentes informantes que curiosamente non a bailaran, simplemente lembraban vela representar antes da “guerra de España”. Os nosos protagonistas aprendérona por imitación, sendo rapaces moi novos. A estrutura do baile é sinxela: divídese en fila, cruzamento e parte de punto que se executa sempre seguindo unha forma xeométrica, ben un triángulo, un cadrado, un círculo, unha liñas… segundo as zonas e gustos de quen a interprete. Ao igual que no resto dos nosos bailes existe a figura do guía, encarnada na figura dos directores do coro de bonitos; eles serán os encargados de dirixir a representación.
A importancia desta danza reside na súa recuperación, xa que é unha tradición perdida que acompañaba o Entroido galego na comarca da Ulla. Coa esperanza de que nalgún momento sexa de novo interpretada no seu contexto, para o que foi creada e desenvolvida, animamos ás asociacións carnavalescas para que a recuperen e non deixen morrer as tradicións que nos identifican, evitando así a importación de costumes alleos que favorecen a globalización cultural e que son destrutores do propio. As roupas brancas do coro de bonitos, os chambergos, a presenza do gaiteiro…,  son elementos específicos e únicos do Entroido da Ulla.