Danza de Antroido no Ulla

 

danzantes de antroido en Reis (Teo)
A expresión do Entroido recolle no país diversos costumes e tradicións que fan desta festividade un evento moi rico e variado culturalmente, tornándose especifico en diversas áreas xeográficas.
Na zona que nos concerne, a comarca da Ulla, atopamos os coñecidos coma xenerais, exército vestido con roupas decimonónicas que percorre os lugares da parroquia dando as vivas ós patriarcas das casas a cambio dun donativo. Na actualidade isto é o máis salientable, atrás quedan as esquecidas danzas de Entroido na Ulla nas que, acompañando os xenerais, van os coros de vellos e bonitos. Estes últimos -formados pola mocidade- son os que normalmente interpretaban as danzas alí onde eran ben recibidos pola xente e, se o sitio o permitía, logo de executar o baile repuñan folgos cos pratos típicos: filloas, orellas, chulas, carne da cachucha, viño do pais, caña, anís.. o que se chama “pór a mesa para o Entroido”.
Verbo da vestimenta dos danzantes, as variacións foron notables no chamado “coro de bonitos”. Antigamente vestían de arriba a abaixo de branco -homes e mulleres-, portando mantóns de ramos e caxemir con bandas de cores, colares brancos e cadeas douradas. Os directores destacaban polas súas gorretas e chaquetas vistosas pero, máis se cabe, polos chambergos, sombreiros característicos da Ulla de forma cónica recubertos de pluma de ave e motivos vexetais; só se conservan na parroquia de Santeles, A Estrada, pois nos demais lugares xa se perdeu a tradición de mantelos.
Vestimentas de antroido, onde se aprecia o "chambergo", Santeles - A Estrada
Con respecto á danza, esta foi recollida entre o concello de Teo e o da Estrada a diferentes informantes que curiosamente non a bailaran, simplemente lembraban vela representar antes da “guerra de España”. Os nosos protagonistas aprendérona por imitación, sendo rapaces moi novos. A estrutura do baile é sinxela: divídese en fila, cruzamento e parte de punto que se executa sempre seguindo unha forma xeométrica, ben un triángulo, un cadrado, un círculo, unha liñas… segundo as zonas e gustos de quen a interprete. Ao igual que no resto dos nosos bailes existe a figura do guía, encarnada na figura dos directores do coro de bonitos; eles serán os encargados de dirixir a representación.
A importancia desta danza reside na súa recuperación, xa que é unha tradición perdida que acompañaba o Entroido galego na comarca da Ulla. Coa esperanza de que nalgún momento sexa de novo interpretada no seu contexto, para o que foi creada e desenvolvida, animamos ás asociacións carnavalescas para que a recuperen e non deixen morrer as tradicións que nos identifican, evitando así a importación de costumes alleos que favorecen a globalización cultural e que son destrutores do propio. As roupas brancas do coro de bonitos, os chambergos, a presenza do gaiteiro…,  son elementos específicos e únicos do Entroido da Ulla.