Nesta terceira edición do Ciclo Persoeiros da Terra, o lector atopará o froito do traballo de varios anos que leva a cabo a Regionalista, un pequeno repaso histórico das frautas traveseiras en Galiza, onde se irán debullando as principais diferenzas e características propias deste instrumento.
Viaxaremos por toda a xeografía galega deténdonos en áreas onde existe ou existiu unha forte presenza e consolidación das frautas traveseiras, conformando unha división do mapa galego onde se localizan en base as tres vertentes: Vertente oriental, conformada por concellos como: a Fonsagarda, Cervantes…; Vertente centro-occidental: o val da Ulla e Vertente sur-oriental: contorno Vigués. A forte presenza de tocadores de frautas traveseiras e os diferentes grupos nos que estas se integran levounos a destacar estas tres áreas, non descartando a posibilidade doutro tipo de distribución ou incluso de máis zonas por descubrir onde o instrumento analizado tivese certa influencia.
Tendo en conta esta primeira análise, inmiscímonos de cheo na comarca da Ulla onde se atopa a requinta, frauta traveseira identificativa e propia deste val que presenta unhas características particulares que a diferencian de calquera outra similar. Trataremos de dar a coñecer dunha maneira sinxela esta frauta, xa que requiriría dun estudo propio como instrumento. Nós centrámonos nos diferentes puntos claves da súa historia particular: artesáns e fabricantes, período de vida (inicios, esplendor e decadencia) e, como non, as diferentes formacións musicais que toman o seu nome do instrumento: “As requintas”.
Para poder entender a requinta da Ulla temos que facer un repaso polo seu contorno. Botamos man da información recompilada no triángulo máxico que se conforma entre as parroquias de Reis e Lampai do concello de Teo e a parroquia de Carcacía de Padrón. A través dos grupos de requinta que nestes lugares xermolan faremos un percorrido pola historia deste instrumento da man dos últimos integrantes e familiares dos seguintes conxuntos:
A primeira parada obrigatoria será en Reis-Teo, onde atopamos unha das formacións máis antigas da comarca “a gaita de Reis” (1911), un quinteto formado por dúas requintas que serán pioneiros e piar fundamental na constitución dun conxunto estable que integre esta frauta traveseira de madeira. Esta primeira época remítenos aos inicios na integración da requinta na nosa cultura. Tralo conflito bélico da Guerra civil española chega a época de esplendor para a extensión deste instrumento -década dos corenta 40-, onde destacamos o conxunto “A requinta de Carcacía”, sexteto tradicional que, como característica identitaria toca nunha tonalidade máis aguda -as gaitas preto de DO-, e acadan gran popularidade revolucionando o panorama musical tradicional.
A nova forma de concibir a música, as pautas dos grupos anteriores, servirán de guía para a constitución da terceira das formacións homenaxeadas: “A requinta de Lampai” que ve neles un modelo a seguir. Coa última das requintas sucumbiremos ao que será o período de decadencia a finais da década dos sesenta 60, motivada pola ausencia do seu líder, pero tamén por causa dos cambios sociais que trouxo a década dos sesenta, unha revolución sen precedentes: emigración a centro Europa, a chegada das orquestras de salón, abandono das nosas raíces musicais, etc. Principalmente estes factores impulsan a desaparición das formacións de requinta e de todo o que as rodeaba, esa maneira tan peculiar de entender a música no val da Ulla.
Neste pequeno monográfico sobre as requintas trataremos de dar unha serie de pautas sobre o que foi a súa presenza dentro daquela sociedade. É tan curioso, como destacable, que en contados concellos do val da Ulla se cree unha frauta traveseira exclusiva que non foi quen de expandirse, de superar as fronteiras naturais, completando un ciclo de vida moi curto.
Na actualidade son só uns poucos os colectivos (músicos, artesáns, …) que loitan por manter viva a requinta tratando de integrala no panorama musical vixente, tarefa á que nos queremos sumar co esforzo de dar ao prelo este pequeno libro.
O traballo realizado ten como obxectivo principal a divulgación, dar a coñecer as peculiaridades dun instrumento que, de seguro, axudará a manter a memoria viva do que foron estas formacións así como a súa transcendencia no val da Ulla. Ao mesmo tempo procuramos o recoñecemento máis ca merecido a tantos músicos tradicionais e anónimos que formaron parte destes conxuntos, pois sen eles non sería posible a día de hoxe facer un estudo completo destas formacións.