Corría o mes de novembro do 2006, cando decidimos facerlle unha visita ó Sr. Paulino Levorán Seoane, máis coñecido como «Paulino do vinculeiro» coa clara intención de facerlle unha simple entrevista, xa que el era un dos últimos carreteiros que quedaban no noso concello. Relatándonos historias incribles comezou aquela tarde de domingo: o estraperlo, os subornos no fialato, enganos aos gardas da vila, como dicía el: «a vida mesma nunha época moi dura»; e no medio de tantas e tantas historias xa algo afónico comezou a cantar un deses cantos que se facía acompañar nos traxectos de carreteiro, coa súa variña na man, e cuberto por un sombreiro de ala botou a andar unhas coplas desas que hai anos se podían escoitar polos camiños e corredoiras, ao igual que o asubío do carro que o acompañaba no traxín de ir dun lugar para outro.
Sen dúbida ningunha o que máis nos chamou a atención do Sr. Paulino foi o seu enorme sentido do humor, levado á ironía con moita retranca, por suposto sempre sen lle faltar ao respecto a ninguén. Cada historia que contaba dábanos unha lección maxistral do que era a vida mesma, e detrás de todos estes relatos agochábase unha ensinanza, xa que el consellos non daba. O noso protagonista consideraba que «cada home ten que vivir ou afrontar o destino para o que naceu, eu nacín para carreteiro».
Conversar con Paulino era como retroceder no tempo hai máis de sesenta anos, grazas á súa memoria recordaba como era a vila de Santiago, os seus arredores e sobretodo os camiños que levaban a ela, unha ampla visión de como se vivía e que é o que acontecía naqueles anos tan difíciles da posguerra.
O oficio de carreteiro aprenderíao de moi rapaz, da man de seu pai que tamén o exercía. Sendo un pícaro xa axudaba a carrexar cos bois e con só quince anos xa relevou a seu pai. Pouco a pouco iría coñecendo as delixencias deste, pero tamén a dureza que se reflicte neste verso que el aprendeu:
«A vida do carreteiro
é unha vida empenada
nin come carne nin oi misa
nin durme na cama»
Moitas das horas de viaxe de Paulino, e de calquera outro carreteiro, transcorrían cando o sol xa pechara: «Éche ben certo! A maior parte do tempo, sobretodo das noites, pasabámolo polas corredoiras. Un chegaba tarde á casa e ó día seguinte había que madrugar ás cinco ou seis da mañá para gañar 15 pesetas das de antes. De feito, as noites son tan fermosas como traicioneiras, dous ou tres quilómetros a pé e outros montado no carro para así enganar o sono e chegar ó destino».
As andainas de Paulino transcorreron sempre na compaña dos seus bois, compañeiros de viaxe: «Eran os meus amigos, nobres e humildes, capaces de voltar á casa eles sós e bruar á porta para avisar que xa chegaramos».
Moito mudaron os tempos dende aquela. Se comparamos cos actuais carreteiros (camioneiros) apenas existían nos longos traxectos pousadas onde facer parada e poder mollar a boca ou refuxiarse dunha treboada. Atrás quedan aqueles días onde se oía cantar o carro, orgullo do seu dono, polos camiños e corredoiras que cruzan os lugares do país.
A través da figura e en memoria do Sr. Paulino, finado este 2012, queremos recordar e pór en valor o labor dos carreteiros do país, profesión que coma outras tantas xa forma parte dos oficios de antano e son patrimonio inmaterial galego.