O noso protagonista nace no ano 1939 co remate do conflito bélico. Con só trece anos sae a tocar por primeira vez cunha comparsa de Entroido en Calo, máis xa desde ben neno lle atraía a música.
Co paso dos anos entrou a formar parte da charanga de Cornide «Sexteto enxebre Hermanos Lamas«, integrantes que mesturaban a profesionalidade que lles outorgaba posuír coñecementos musicais, e cos que Germán aprendería os mesmos, mais un trato persoal exquisito. Estes factores mesturados farían da charanga máis ca un grupo, unha familia musical. Ata o ano 1962 tocaría no Sexteto pois, unha vez rematou o servizo militar, marcharía emigrado para o Brasil abandonando forzosamente a charanga.
Neste etapa de compartir experiencias, o noso transmisor formouse non só como gaiteiro, tamén como persoa. Eran anos duros nos que a maioría dos músicos compaxinaban esta afección con outros traballos, pois apenas daba para vivir o tanxer no instrumento, mais supuña uns ingresos extra para a familia.
Para o Sr. Germán, o apoio que lle brindaron na casa dende ben neno para se dedicar á música resultou fundamental, se ben certo é que xa proviña dunha familia de gaiteiros: seu pai Ramón e seu tío José Furelos, oriúndos de Balcaide (Calo-Teo) tamén tocarían coa Charanga de Cornide. Como recorda Germán: «Na casa de meus abuelos sempre houbo todo tipo de instrumentos, moita e farra e bo humor».
Esta foi a maneira de formarse como un «gaiteiro en toda regra», exportando a nosa música na diáspora galega. Entre as súas facultades destacar a capacidade, á vez que virtude, de tocar e cantar ao mesmo tempo, como el di: «A modo asturiano»; faceta complicada que domina á perfección ao igual que seu tío «Furelos«, de quen aprendeu cando percorrían os camiños de ida e volta dunha actuación. Naqueles tempos a maior parte das viaxes facíanse a pé polos camiños e carreiros. Así foi como aprendeu as pezas, nos traxectos: «Non como aghora que se fai academia. Con meu tío, que sabía de todos os bailes naqueles lugares onde había boas mozas, un pouco antes de cheghar á aldea comezabamos a botar unha pieza cantada coa gaita a dúo e así ata o lughar onde se facía a fuliada. Ao pouco tempo de cheghar xa se xuntaba toda a xente por ver os ghaiteiriños e veña farra pra diante. Así comenzábanse as fuliadas hai moito tempo na Amahía coa chamanda do canto do gaiteiro».
O Sr. Germán é un dos poucos gaiteiros que mantén a calidade de tocar e cantar conxuntamente, práctica moi estendida anos atrás pero que hoxe en día está case que esquecida. Na actualidade atópase desligada como unha das virtudes que debería ter un para se converter nun gaiteiro «en toda regla», con prestixo e recoñecemento, ou así o entendía Don Manuel Dopazo.
Con este tema Germán quere homenaxear a seu tío Furelos quen se converteu no seu mentor e mestre gaiteiro, a quen admiraba e quería.