Vámola Alboreando – Jota da Sra Pepa

A Sra. Pepa foi unha das tantas rapazas que veu vivir a Amahía procedente da montaña. Os «montañeses» era o alcume polo que eran coñecidos os que proviñan das terras altas. Non é un nome pexorativo, pois esta xente estaba moi ben vista ao ser considerados moi traballadores e honrados. A migración interior provocaría a mestura de diversas expresións culturais.

No que nos atinxe, neste caso a música, prodúcese unha simbiose que funciona á perfección concretada nesta jota que nos interpreta Sra. Pepa. Nada en San Xoán de Fecha, onde pasa parte da súa nenez e aprende a tocar a pandeireta, viaxa cos seus pais para asentarse no lugar de Penelas onde rapidamente estreita lazos coa mocidade do seu tempo, comezando sen se decatar unha interculturización e adaptación folclórica. Músicas e melodías, manifestacións foráneas, son rapidamente asimiladas formando parte íntegra dunha nova comunidade.

A nosa trasmisora recorda: «Elas aprenderon algunhas das miñas e eu collín das súas. O caso é que cando tocabamos todas para o baile nunca houbo ninghún problema. Cos meus tons ían moi ben as coplas que tiñamos».

 

Mes do teatro

Fieis á cita anual chega o «Mes do teatro» a Teo da man da A. C. A. Mámoa de Luou-Teo. Na súa XV edición gozaremos de tres funcións ao longo deste mes de novembro no local social de Luou.

Vámola Alboreando – Ribeirana

Cando o Sr. Jesús Villar Souto era rapaz pasaba o tempo facendo enredos, é dicir, construía os seus propios xoguetes: «Daquela mandábannos co gando para o monte todo o día e tiñamos que buscar a maneira de entreter o tempo. A min sempre me chamou moito a atención a música, concretamente o son da gaita de fol, pero non había con que mercala, entón facía gaitas de algacén e algúnha frauta de sabugueiro. A música víñame de herdanza familiar, pois alá onde nacín, en Vilarín, no lugar de Cabana (Arzúa) meu padriño era un bo gaiterio e tiña formado, con meu tío e dous irmáns veciños, un cuarteto de gaitas de fol «Os Villares».

O repertorio do Sr. Jesus é moi variado, xa que toca pezas cun corte moi propio da Arzúa, que serían as que lembra do seu padriño e por outra banda as que aprendeu da súa estancia en Cacheiras-Teo (na Amahía), no val do Ulla. De entre o seu repertorio, quixemos destacar esta Ribeirana, muiñeira tocada de forma moi pousada, solemne e con moito gusto pois como el di: «Si se apura xa non é unha ribeirana«.

Esta é a nosa primeira entrega do que denominamos «Músicas de Teo». Cada quince días poderedes seguir puntualmente novas publicacións deste interesante traballo de campo desenvolvido por membros da Regionalista.

Enlace tenda:  http://www.aregionalista.es/store/