Os cantos das cruces, así denominados na bisbarra do Ulla, son interpretados na paixón de Xesús. Esta é unha temática pouco coñecida aínda que moi estendida por todo o noroeste peninsular. Cada vez son menos empregados na liturxia do Xoves e Venres Santo, polo xeral efectuados por mulleres, de cadencia pausada e monótona, aprendidos a través da repetición. A temática é propia destas datas, narran os últimos episodios da paixón do Señor, a través dun viacrucis, cada cruz representa unha das trece «estacións» nas que se relata cantando o suceso ou acontecido que rematará coa crucifixión.
Existen moitas variantes dependendo da área xeográfica na que nos atopemos pero todas manteñen a temática de recordar o momento tráxico na vida do Salvador, a modo de procesión os fieis percorren as trece cruces deténdose nelas recordando un momento concreto da paixón.