O oficio de carreteiro podemos catalogalo como o dun traballo ambulante de quen transita os camiños do país levando mercadorías. Desde hai varias décadas, coincidindo coa mecanización do campo, a profesión foi desaparecendo. As mecadorías pasaron a trasladarse en automóbiles e camións e o uso dos bois como animal de traballo, e tamén de compañia, foi esvaecendo. Perdíase pois o vínculo de amizade, respecto e nobreza entre carreteiros e animais. É moi difícil hoxe en día atopar unha xugada de bois, imprescindible non hai aínda moitos anos en todas as casas labrega de Galicia.
A profesión obriga a pasar longas xornadas en corredoiras e camiños, sen máis compaña que os animais- unha xugada de bois– que tiraban do carro. Esta situación levou a entoar un sen fin de cancións co fin de aliviar a soidade e apartar o sono dos camiños tal como recorda o Sr. Paulino, máis coñecido polos seus veciños de Teo como » Paulino do Vinculeiro«. Coñeceu de moi rapaz o oficio de carreteiro da man de seu pai, quen o inicio nas primeiras andainas polos camiños. De neno xa axudaba a carrretar cos bois e unha vez chegados os quince anos «relevou» a seu pai, que xa ía maior. Pouco a pouco foi coñecendo as dilixencias do oficio, pero tamén a dureza,como ben redacta esta copla que el mesmo aprendeu de seu pai:
«O carreteiro é unha vida penada
nin oe misa os domingos
nin dormen na cama.»
O Sr. Paulino estivo activo ata 1975 cando decidiu pór fin a este labor e con el probablemente o do último carreteiro do noso concello de Teo. Moitos foron os anos e moitas as historias para recordar e compartir con calquera que así o desexe. Ademais dun sen fin de anécdotas da picaresca que se sucede neste oficio, recorda á perfección os cambios que sufriu a vila de Santiago, tanto no urbanístico coma no cotián da vida.
Ter o testemuño do señor Paulino do Vinculeiro é para nós unha oportunidade de encher un oco na tradición oral, pois son varias as alusións á profesión de carreteiro e poucas as oportunidades de establecer contacto con algún deles.