Fallece D. Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso

20130420-010914.jpg

Hoxe temos que informar da triste perda de D. Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como a el mesmo lle gustaría que o lembrasen. Foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca.

Foi o mellor expoñente da tradición artística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Baixo o seu maxisterio foron recoñecidos por primeira vez os estudos oficiais de gaita galega polo MEC en 1977.

A concesión da Medalla Constantino Bellón, a gravación dun disco monográfico, ou homenaxes recibidas foron parte do recoñecemento a esta traxectoria tan intensa e fructífera para a cultura galega.

A capela ardente quedará instalada no Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 17:30 horas. A Misa e incineración será mañá as 17:00 horas na capela do Tanatorio.

Esta previsto que, ao inicio da Misa, Xaime Estévez e Mª Xosé López, alumnos de D. Henrique, toquen a “Oración do Gaiteiro”, peza composta por este gran mestre, con gaita e órgano. Ao rematar tocaranse as pezas “Muiñeira do Lagares” e “Festa na Eira”, por parte de todos aqueles que o desexen.

Secretaría da AGG