Como ben recorda Manuel Pombo García, o primero instrumento musical que tivo na man foi unha harmónica, daquela o trebello estrela entre os cativos:
Con seis anos xa andaba practicándome coa harmónica dun veciño, xa que por aquel entón non estaba ó alcance de todos, por pouco diñeiro que custara non deixaba de ser un enredo e caprichopara un rapaz. Co tempo, e como di o refrán: `O que a persegue a consegue´. Tanto insistía na casa en que me mercaran unha que ó fin cumpriuse, iso si grazas a unha cabra que pariu dous cabritiños, entre uns cartos que puxo miña nai e outros de miña irmá mercáronme a miña primeira harmónica na vila de Santiago, na zona vell anunha ferretería. Onde dei o meu primeiro concerto, o ferreteiro preguntou se sabía tocar, pois claro, collín nin curto nin preguiceiro comecei a tocar, o caso é que non debín de facer tan mal, pois aquel señor regalouma, non lles cobrou nada por ela e eu moi contento e miña nai moito máis.
Anos máis tarde souben que aquel home me regalara a hamónica era o Sr. Bernardo, o pai de Farruco o humorista.
Principalmente este é un instrumento de lecer individual, por excelencia dos máis pícaros, aínda que coñecemos casos de dúos de harmónica que amenizaban festas de forma altruístas, mesmo chegou a ser usado para facer foliadas xa que se presta para tocar calquera ritmo e melodía, tanto soltos como agarrados, dependendo dos límites do propio intéprete.
Realmente existen verdadeiros mestres autodidactas deste instrumento, sorprende como son capaces de facer a melodía e acompañamento rítmico básico, simulando os baixos dun acordeón, grazas a movementos áxiles de lingua matizan o paso do aire das cordas vocais cara á embocadura, cortes momentaneos coincidindo co ritmo da melodía sempre sen interferir na mesma.
Escoitaremos un fragmento melódico titulado `O valse dos vellos´ interpretado maxistralmente polo Sr. Pombo, nel podemos apreciar o xogo dos baixos no conxunto da melodía, recurso moi empregado por aqueles que dominan con experiencia o instrumento.