Os romances remítenos a un xénero literario de tradición histórica na península ibérica e que podemos identificar como forma propia da lírica narrativa castelá.
Na atualidade é moi difícil atopar ‘transmisores’ que lembren estas historias, a temática do romance é moi variada, aínda que predominan temas coma: o marido enganado, os mitos de doncelas que se fan pasar por soldados, raptos de infantes, etc.., existindo diversas versións dos mesmos. Algunhas destas composicións atópanse fragmentadas, mentres outras sofren engadidos de novas pasaxes para complementar as partes esquecidas. Ás veces podemos atopar a fusión dun romance con outro, propio das actualizacións e recreacións constantes por parte dalgún interprete, proceso que engade valor e beleza á vez que enriquecemento continuo para a nosa cultura, mais tal variedade pode chegar a provocar dificultades á hora de os clasificar ou chegar a identificar o proceso evolutivo das historias.
De entre os máis coñecidos e estendidos pola xeografía galega cómpre destacar o ‘Romance de Gerineldo’, sen dúbida ‘o rei’ da nosa cultura romanceira tradicional, xa que consta de tantas variantes como intérpretes ten.
Un dato curioso é que os transmisores destas narracións na ampla maioría son mulleres que contan cunha avanzada idade, convertendo así a súa memoria lúcida no último refuxio vivo desta temática.
O noso concello é privilexiado en canto a transmisores de romances de toda índole e procedencia, hai lugar para todo tipo de narracións: desamores, infidelidades e épicas da guerra da Reconquista española tamén tiveron seu espazo no romanceiro. Grazas a eles chegou aos nosos días outra parte da historia (raptos, fazañas, triunfos e derrotas na batalla, heroes…)
De entre todos os romances recollidos no municipio, decidimos elixir o interpretado pola Sra. Aurora Matos Iglesias no que nos narra a historia do desengano ante o altar. Sabemos que a maioría destas composicións non ten unha melodía específica e a nosa transmisora é quen de lle outorga a propia do lugar.
Existen outras variantes máis longas, incluso algunhas provenientes do texto de cordel, que por exemplo interpretaban os cegos ou músicos ambulantes das feiras, ‘delatados’ pola melodía empregada na interpretación.