CANTO DE CARRETEIRO. MANUEL NIEVES.

Manuel Nieves e Carmen Mareque Picón. Deseiro-Sergude. Boqueixón.

Boqueixon (17)De par do noso amigo José Caneda Mareque realizamos moitas viaxes polos lugares de Sergude, Lamas, Vigo, Rodiño,… Na primeira visita aos seus familiares en Deseiro de Arriba, coñecemos a Manuel Nieves e a súa dona Carmen Mareque. Xunto a eles recordamos cousas –das de antes– son das derradeiras persoas que viviron foliadas na parroquia, como se xuntaba a xente no lugar para, ao abrigo, bailar o solto ao son da pandeireta.

Mentras conversábamos, os noso protagonistas alternaban cantando, nunha destas o Sr. Manuel comezou a botarlle unha melodía das que acompañaban o paso dos carreteiros, sendo a súa voz aos  noventa anos mostra suficiente para comprobar nela o sentimento dun bo cantador. Reflictir que o noso protagonista aprendeu estas coplas dun carreteiro de Ardilleiro –Ramón do Cabreiro.- aquel home cantaba que o levaba o demo¡ segundo baixaba do Pico escoitaba a súa voz resoar no fondo de Sergude, era increíble e eu como me gustaba moito cantar e daquela cantaba ben porque a garganta axudaba, escoitaba aquelas coplas e xa me quedaban retidas na cachola.

Lonxe das comodidades que nos rodean na actualidade, a vida ao carón da natureza dos nosos transmisores era dura e sufruda, mais estimulaba lazos de convivencia vecinal reforzando os vínculos que os unían. Como recodan Manuel e Carme: Criámonos nun momento no que as casas e eiras estaban abertas, pasabas dunha para outra sen máis. A comida repartíase con quen fora e dentro da pobreza que había compartíase cos máis pobres. Eramos todos máis ou menos iguais.

O modelo de sociedade perdido axuda a entendermos  o por que da unión existente nas celebracións comunais. Hoxe ao par que esta desaparece, vanse co tempo as tradicións no pobo.

Vai na memoria de don Manuel Nieves este canto de carreteiro. Onde queira que este, a súa voz siga a resonar dende o máis alto do Pico….

BOQUEIXÓN. Música e Tradición.