PANXOLA DE FIN DE ANO.

Boqueixon (4)O Sr. José Castro `Costiña´da parroquia de Lamas-Boqueixón. foi un dos mozos, de saír a cantar as panxolas, de ir casa por casa pedindo licenza, de bailar sobre o chan das cociñas no tempo do Nadal ………..

Segundo lembra o noso protagonista, o Sr. Costiña. –Para facer máis loables os cantos, os mozos repartíanse en dous bandos alternando nos pés, a gaita de fol marcaba a cadencia a seguir e dependendo da capacidade de cada un farían voces altas ou baixa. Para diferenciarse as parroquias empregaban tons identificativos, propios de seu, así deste xeito se varios panxoleiros coincidían na mesma eira a cantar, algo que ocorría en casas fortes de labrada como era a de Pazos de Rubio, onde pasaban ata cinco comparsas de panxoleiros, eran claramente diferenciados e debidamente atendidos.

Este canto de fin de ano remite aos textos interpretados na noite do 31 de decembro ao amencer do día seguinte, primeiros de ano. Os versos fan alusión á chegada do Aninovo co que se espera un tempo mellor que deixe atrás o malo do pasado. No mesmo faise mención ao sufrimento de Xesucristo, alegoría entre o ben e o mal como condición de pecadores que seremos xulgados polas accións acometidas; xunto a isto, a alusión a un dos primeiros milagres, dos máis estendidos na tradición, atribuídos ao neno Deus que narra como na fuxida a Xerusalén lle devolve a vista a un cego, logo de que este lle dea una froita.

A información facilitada polo don José Castro Suárez `Costiña´alcumado así polo nome que recibe a casa onde vive, resultou de especial relevancia xa que foi a única persoa capaz de recordar á perfección o ton e as letras das panxolas cantadas na parroquia de Lamas. De feito, e durante  moitos anos, oficiou de panxoleiro cantando con gaiteiros como: Sr. Basilio de Rodiño, o Sr. Rosende `O da gaita Grande´ o Sr. Pepeiño  da Casa Nova de Rodiño pequeño,…..

Neste corte sonoro deixamos constancia da riqueza e saber das nosas xente, como o Sr. Costiña.

AS PANXOLAS. PURA DE SANíN.

Boqueixon (3)

 

A visión dada polos nosos maiores achegaranos ao Nadal dos tempos de antes co propósito de entender como se vivía a festividade natalicia. Na viaxe realizada tivemos a sorte de atoparnos con transmisor@s, que nos darán una visión xeral, centrándonos nos cantos propios deste tempo do ano.

Nas terras da Ulla os cantos natalicios son coñecidos como panxolas de Nadal; Dentro deste ciclo clasificamos os cantos segundo a temática e coincidindo cos días máis destacados: Noiteboa, Fin de ano, Aninovo e Reis. O procedemento era sempre e o mesmo, no día da conmemoración xuntábanse polo serán os panxoleiros; Comenzaba a andaina casa por casa pedindo licenza entrando nas eiras o son da gaita de fol. Se daban licenza, cantábase e a cambio recibían un aguinaldo, sendo convidados a entrar na casa a tomar algo onde se interpretaba outra peza como agradecemento. Cos cartos recadados era costume organizar un baile no tempo do Entroido.

A señora Pura de Sanin (Sergude-Boqueixón) quen, segundo lembra, a primeira cantiga que aprendeu con seis aniños grazas ás monxas que había en Lamas foi esta Canto de Noiteboa, xa hai máis de setenta anos. –Leváronme dúas-tres noites para a súa casa ata que aprendin para logo cantala na Igrexa- .  Chámanos poderosamente o feito de que estea íntegramente en galego una narración destas características, con connotacións relixiosas en torno ao nacemento do neno Xesús. Cómpre reflectir  que este canto non pertence ao ciclo propio dos panxoleiros, senón que a interpretación se reduce á celebración da misa solemne no día 25 de novembro. o que explica que non manteña os patróns das panxolas ( licenza e petición de aguinaldo).

Dicir que é una delicia escoitar o son belo que nace da gorxa da señora Pura de Sanín.

BOQUEIXÓN Música e Tradición. Libro CD.