Todas las entradas de: chema

LINO RODRÍGUEZ SALGADO. Igrexa-Boqueixón.

Boqueixon (24) A historia de como se fixo gaiteiro este home é tan curiosa como real. Sendo un mozote de quince anos polas festas da parroquia en Boqueixón, o San Roque, contrataran uns gaiteiros afamados da comarca…… Un cuarteto tradicional ben chulo, con aquelas monteiras altas e floridas, eran os      gaiteiros de Cacheiras chamados –Os Enxebres– á fronre un home xa feito que coxeaba algo dunha perna …como lle daba solás a aquela gaita…. 

Aquel día o Sr. Lino quedou prendido daquela música, marabillado por se converter nun deses gaiteiros repoludos, deuses das festas. Tal teima e admiración levouno a facerse cunha gaita e, inda que só tiña a metade dos cartos, foi falar con súa nai para convencer o pai e poder facer realidade o soño de ter una gaita na que tanxer: A verdade é que a meus país o son da gaita de fol gustáballes moito e iso tamén axudou, Daquela a gaita valera 30 pesos no taller dos Gómez, en Ardilleiro, moitos cartos na altura, case que por sesenta mercabas una vaca; para facernos una idea: un capricho.  Botei tres meses practicando sen parar, acudin xunto de -O Bico fendido- aprender a facer palletas dun mango de escoba de cana….

A primeira tocata que fixen foi cando me viñeron buscar as mozas do lugar; daquela non había outra diversión e todos querían a foliada de gaita. Alá   marchei, cansei de tocar no baile toda  a noite, por aquel entón había demanda para ir tocar, eramos poucos gaiteiros e moitas festas. Para que a cousa fose mellor preparei un conxunto con batería con dous cuñados meus: Francisco Martínez ó tambor e Amado Martínez ó bombo. Os instrumentos conseguimolos na Casa do Porto en Codeso, dous irmáns Mansamino e José, quen acompañaron por contrata durante anos a gaiteiros de sona coma O Bico fendido.

O que máis me gustaba era ir tocar a panxoliña. Cando os vellos do lugar cansaron preparei un conxunto ben bo, cuns mozos que tiñan unas voces extraordinarias, eran os irmáns de Brexo de Boqueixón. un mes antes do Nadal, xuntabámonos na casa vella da Igrexa para faser academia á noitiña.

Aos seus 90 anos recorda con nostalxia aqueles anos de gaiteiro na mocidade, do esforzó económico que fixeran seus país. Cando lle preguntamos polos temas que tocaba fálanos de pateados, muiñeiras, agarrados,…pero dos seus dedos saen temas populares, como: A Carolina, Ramboia, Pájaro pinto,…para este traballo escoitaremos A Rianxeira tan apropiada para estes días de setembro.

BOQUEIXÓN, Música e Tradición.2014

 

CESÁREO VILLAR VAAMONDE. A Granxa.

Boqueixon (37)

 

Para comprender a idíosincrasia do cuarteto Airiños do Pico antes temos que falar dos antecedentes que o orixinan e para tal efecto tivemos o pracer de coñecer a don Cesáreo Villar Vaamonde quen aos seus 100 anos loce una memoria envexable, pouso de todo unha vida.

Nado en san Miguel de Sarandón, lugar onde os seus país foron caseiros nos bens do Conde durante un tempo, trasladaríase coa familia ao lugar onde hoxe inda reside na Granxa-Boqueixón, alí mercarían propiedade xunto ao igrexario.

A relación de don Cesáreo coa música comeza aos once anos, cando de xeito autodidacta aprendeu a tocar cunha frauta traveseira de madeira que súa nai lle mercara na feira da Estrada, posiblemente do obradoiro de Riobó. A sorte acompañaríao na instrucción do devandito instrumento: …..Deuse a casualidade de que un fillo do caseiro sabía tocar a frauta e un día cando iamos para o monte co gando coincidimos …..Eu levaba a miña frautiña e el a súa, pola que me foi ensinando as notas….e asi aprendin música.

Xa instalado na Granxa, o noso protagonista comezou a facer labores de sancristán: coidar o camposanto, tocar a campá, axudar á misa… A cambio dos meus servizos pedinlle una gaita e así, con 17 anos, foi cando a encarguei no taller dos Gómez de Ardilleiro. Lembro que soaban moi ben, moi claras as notas no punteiro, preparábanas e logo vendíanas na casa ou nalgunha feira como na festa do Pico. 

O paso do tempo fixo que Sr. Cesáreo fose calmando a teima de bo gaiteiro conformando un conxuntiño ben xeitoso acompañándose dunha boa percusión: Xa con aquela gaitiña practiquei ben e saín tocar, xa un se defendía coa gaita grileira con ronqueta e media ronqueta axudado por bombo e tamboril. Estes cambiaban segundo quen estivera libre, teñen vido moito os irmáns Porto, de Codeso, moi bos á percusión.

Eran os anos da preguerra nos que a xente se devertía cao presenza dun conxunto de gaitas. O noso protagonista recorda facer o baile no mesmo domingo de Pascua: …A mocidade acudía en multitude aos bailes. Ás veces tiña de desprazarme na besta ata a festa que tocase e botabamos o día fóra., .. Lembro que una das máis afastadas foi en San Pedro de Ribeira-Touro. fomos pola maña e regresamos a noite..

Tal divertimento e bo ambiente entre a veciñanza viuse truncando co conflito bélico que mudou a historia de España e do que Cesáreo foi partícipe: …Cando a cousa mellor ía estalou a Guerra Civil e paralizou todo….Ao vires da fronte meu irmám Inocencio, moito máis novo ca min, estribillaba algo na gaita e saímos gañar unas perras… Cesáreo, hoxe un veterano da quinta do 36, con 20 anos pasou toda unha guerra en infantería no bando franquista e, como á maioría dos mozos non lle deron a elixir bando.

Logo do conflito bélico, no ano corenta Cesáreo casa con María Agrelo Souto, de Codeso. e desta unión nacen varios fillos, pero tan só Cesáreo Villar Agrelo (1945) mostra interese pola música. Co paso do tempo, o mestre accede a lle ensinar ao seu fillo a tocar a gaita ata que a progresión leva o descendente a fundar os Airiños Do Pico, un cuarteto con dúas gaitas en Si bombo e tamboril.

Boqueixón…Música e Tradición.2014

 

Despedida ao Mestre SANDE

O sábado día 29 de marzo despedimos o noso AMIGO e MESTRE Manuel Sande Boquete -primeiro pola dereita-, natural da Grela-Lampai (Teo), quen foi bombista da Requinta de Lampai ata o ano 40 e dos Hnos. Lamas ata os anos 80. Gran tocador de bombo con pratiños sabía as coplas todas da nosa tradición. Un Regionalista máis, foi o noso transmisor nas edicións -‘Centenario Hnos Lamas’ e ‘Vámola alboreando’- e colaborador na CRTVG (‘Luar’). Membro activo da sociedade teense (caza, deporte, comisión de festas…) deixounos á idade de 78 anos.
Aquí vos deixamos as súas verbas:
http://www.aregionalista.es/2013/08/vamola-alboreando-marcha-procesional/
Desde aquí dámoslles o pésame á familia.

Trasmisores

Canto de Ronda. Vámola Alboreando.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1De forma individual ou conxunto, os cantos de ronda seguen una `métrica libre´ en canto á súa extensión, é dicir, varían segundo o gusto do intérprete. Para a execución, unha persoa `guía´comeza o verso da copla e a continuación é seguida polos demais, deste xeito márcase o ton e a melodía a seguir que, polo xeral, xa é coñecida polos contiguos.

Mantemos a denominación de `ronda´ tal e como o definiron as nosas transmisoras, Gumersinda Sanjurjo, Manuela Castelao e Josefina Seoane, cantaban estas melodías cando rondaban (pasaban) polos diferentes lugares de volta ás súas casas.

Estes cantos eran interpretados pola mocidade mentres percorría os camiños. Nos tempos de antes o acceso ás aldeas eran tan precario coma dificultoso a través de corredoiras, carreiros, camiños de carro por onde discorría a vida da xente para desenvolver a actividade diaria e acudir a actos relixiosos, ir ao muiño, ás festas … Tales circunstancias obrigaban a facer os desprazamentos a pé ou como moito con tracción animal. Para acurtar tempos facíase uso de diferentes atallos que concorrían por medio de montes con moitas trabas, pasadoiros, fortes pendentes, zona de lama… que se vían agraviados coa escuridae por falta de luz artificial, o que os facía propicios para os ataques de maleantes e creaba consecuentemente un medo latente na sociedade.

Son moitas as historias que recollemos dos nosos informantes e que acontecían no transcurso dos desprazamentos como ter que pasar descalzos polo medio da lama ou do regato para non mollar e esnaquizar os únicos zapatos que se tiñan para ir á festa, e logo volvelos a poñer ao chegar ao baile. Outras tratan diferentes amoríos que se cocen polos camiños……

O canto que seleccionamos foi recollido en Cobas (Cacheiras, Teo),  as que no seu momento foron unas mozas moi festeiras e divertidas, coñecidas polas boas voces que gastaban, daban en cantar a calquera momento ou celebración, en festas coma o Entroido ou mesmo no traballo (raias). Elas, ao igual que moitas, tiñan o costume de cantar cando voltaban dos bailes pola madrugada, ou dunha malla que remataba de noite. Cando pasaban por una aldea era frecuente que entoaran cancións coma estas que podemos escoitar.

Aínda hai moita xente que recorda e añora oír una cantiga ou o son da nosa gaita de fol a altas horas da noite.

 

 

O ciclo do ano – A seitura.

`Polo san Xoán sécalle una raíz ó pan, polo San Pedro

sécalle a do medio e polo Santiago fouciños ó agro´

Aínda que os tempos foron mudando, a nosa transmisora, a Sra. Mercedes,

cóntanos coma para as viaxes a castela se organizaban en cuadrillas e eran aloxados -ao igual que antaño- nos cubertos onde, como é de supor, non había camas xa que as dependencias da casa quedaban reservadas para uso exclusivo da familia ou estaban ateigadas de xente.

CiclodoAno - A Seitura

O feito de acudir a Castela á seitura realizouse durante séculos e supuxo una importante axuda para soster una familia e manter un equilibrio económico nas terras da montaña de Ourense, uns cartos `extra´ pagados por día traballado co suor da frente. Verbo disto véñennos á mente os versos de Rosalía de Castro.

`Castellanos de Castilla,

tratade ben ós gallegos,

cando van, van como rosas,

cando vén, vén como negros´

Os que ían eran maioritariamente os homes e levaban as mulleres máis fortes que axudaban no labor e daban folgos no traballo, nesta época do verán as terras da zona quedaban desertas, os seus paisanos emigraban por tempada da seitura a gañar un pesiño na `sega do pan´ en Castela. Foi así coma, a Sra Mercedes de Viana do Bolo, aprendeu `a gala´ este canto libre interpretado na sega xeralmente polo mayoral. Home encargados de marcar as pautas na sega e tamén de lles dar folgos ás cuadrillas mediante cancións que axudaban a evadirse por uns instantes do cansazo que provocaba este duro labor.

Os cantos das mulleres e dos mayorales das cuadrillas daban xenio arreo para que seguiramos coa labor cara a adiante. Son as palabras da Sra, Mercedes.

 

Vámola Alboreando – Marcha Procesional

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1  Entre todo o repertorio extenso da Requinta de Lampai (Teo), decidimos escoller a Marcha da Procesión que eles interpretaban para tocar en tal ocasión, xa que é un ritmo que non presenta diversidade en canto a pezas pois, polo xeral, os grupos tan só manteñen una melodía ou dúas o máximo no repertorio para tocar a procesión.

Estas marchas foron introducidas entre finais do século XIX e principios do XX, o que mostra una relativa modernidade. A procedencia destas composicións remítenos as bandas de música que cubriron todo espectro de necesidades dentro da festa popular. Antigamente o ritmo para acompañar as procesións das andias dos santos eran variadas: jotas, muiñeiras e incluso pasodobres.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1

A peza que escollemos foi interpretada polo Sr. José María `o canteiro´ derradeiro gaiteiro vivo da requinta de Lampai e co que tivemos o pracer de conversar. Como ben indica o seu sobrenome era un bo picapedreiro, como moitos de Lampai que se dedicaban a isto. Nos anos corenta máis do 80% das familias de Lampai vivían maioritariamente da labor da pedra (extracción e transformación), pois según nos explica o Sr. José María `A pedra ademáis de dar traballo tamén daba de comer ós de Lampai´
Con 20 anos xa tocaba por min só, defendiame ben. Ó pouco tempo xa tratamos de formar a requinta e así foi, faciamos a tres veces por semana academia, primeiramente no lugar da Silva e logo xa no Vilar. Manuel Furelos era o que dirixía, el tocaba un pouco a gaita e outro pouco a requinta.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1

´Eu fun o que toquei de principio a fin na requinta, xunto con Andrés Penedo e Manuel do Vilar. Pasaron moitos gaiteiros pola formación, uns mellores e outros menos bos, pero sempre fomos pra diante. Acórdome moito de Manuel de Berxaus, el tocaba conmigo e seu irmán na requinta de Romero de Carcacía. Os dous eran moi bos gaiteiros, dos mellores que coñecin e mira que vin uns cantos. Tamén tocou Avelino de Carro; Olimpio; Perol; …. a percusión acordó; o bombo Francisco irmán de Andres e Sande da Grela e na Caixa ó primeiro foi Pepe da Silva, logo Pepe de Ferreiro e outros máis da parroquia.

Durante estes anos non faltou o éxito nesta Requinta de Lampai que encheu de boa música as festas da bisbarra.

 

Vámola Alboreando – Romance

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1Os romances remítenos a un xénero literario de tradición histórica na península ibérica e que podemos identificar como forma propia da lírica narrativa castelá.

Na atualidade é moi difícil atopar ‘transmisores’ que lembren estas historias, a temática do romance é moi variada, aínda que predominan temas coma: o marido enganado, os mitos de doncelas que se fan pasar por soldados, raptos de infantes, etc.., existindo diversas versións dos mesmos. Algunhas destas composicións atópanse fragmentadas, mentres outras sofren engadidos de novas pasaxes para complementar as partes esquecidas. Ás veces podemos atopar a fusión dun romance con outro, propio das actualizacións e recreacións constantes por parte dalgún interprete, proceso que engade valor e beleza á vez que enriquecemento continuo para a nosa cultura, mais tal variedade pode chegar a provocar dificultades á hora de os clasificar ou chegar a identificar o proceso evolutivo das historias.

De entre os máis coñecidos e estendidos pola xeografía galega cómpre destacar o ‘Romance de Gerineldo’, sen dúbida ‘o rei’ da nosa cultura romanceira tradicional, xa que consta de tantas variantes como intérpretes ten.

Un dato curioso é que os transmisores destas narracións na ampla maioría son mulleres que contan cunha avanzada idade, convertendo así a súa memoria lúcida no último refuxio vivo desta temática.

O noso concello é privilexiado en canto a transmisores de romances de toda índole e procedencia, hai lugar para todo tipo de narracións: desamores, infidelidades e épicas da guerra da Reconquista española tamén tiveron seu espazo no romanceiro. Grazas a eles chegou aos nosos días outra parte da historia (raptos, fazañas, triunfos e derrotas na batalla, heroes…)

De entre todos os romances recollidos no municipio, decidimos elixir o interpretado pola Sra. Aurora Matos Iglesias no que nos narra a historia do desengano ante o altar. Sabemos que a maioría destas composicións non ten unha melodía específica e a nosa transmisora é quen  de lle outorga a propia do lugar.

Existen outras variantes máis longas, incluso algunhas provenientes do texto de cordel, que por exemplo interpretaban os cegos ou músicos ambulantes das feiras, ‘delatados’ pola melodía empregada na interpretación.

Adeus a Palmira ‘de Picón’

Palmira "de picón"O luns pasado 27 de maio deixábanos aos 97 anos unha mestra da vida e cantareira de corazón: Palmira Balado Gil -Palmira ‘de Picón’. Veciña de Cacheiras-Teo, encheunos de agarimo coa súa participación como transmisora na edición e presentación de Vámola alboreando. Músicas de Teo.

Permanecerás na nosa memoria.

 

 

 

 

 

[audio mp3=»http://www.aregionalista.es/mp3/Varias/Palmiradepicon.mp3″ preload=»true»]

O ciclo do ano- Os Maios

Os Maios ou Madamas na provincia da Coruña.

Gaiteiros e mulleres encargados de interpretar as rondas e cantigas propias dos maios
Gaiteiros e mulleres encargados de interpretar as rondas e cantigas propias dos maios

Nos últimos días de abril e primeiros de maio teñen lugar estas celebracións nas cales mulleres e homes se xuntan para cantar. A alegría polo espertar da natureza maniféstase nestas datas en diferentes lugares do mundo e de forma moi diversa. Ritos ancestrais cheos de colorido na nosa cultura solicitan na festividade das flores evitar o mal fario nos campos e poder ter unha boa colleita.

O espertar da natureza conleva o renacer do sentimento amoroso e, consecuentemente, o canto á beleza que nace arredor do xénero femenino quedará patente musicalmente nas Madamas.

Segundo varios dos nosos transmisores, e coincidindo coa orixe destes cantos, recordan dos maiores do lugar que estas pezas se interpretaban no mes das flores, mais co devir do tempo pasaron a ser propias do mes de decembro producíndose unha adaptación destes cantares ao ciclo natalicio, cuestión que explica a preseza dunha  licenza, a modo de introdución, nos primeiros pés na que se lle solicita permiso aos presentes para a interpretación e finalmente remata solicitándose o aguinaldo,como propio das composicións do ciclo de Nadal.

As madamas en comparación con outras cantigas propias dos maios, tematicamente, non teñen nada que ver, de feito moitas destas últimas recollidas na zona de Pontevedra e Ourense teñen un espíritu crítico político-social que non posúen as madamas. O que se facía era unha descrición desde a cabeza ata os pés dunha determinada muller, mencionando as súas cualidades físicas e destacando os seus atributos desde o cabelo, ollos, peitos…

Esta composición tan fermosa, propia do maio, recollémola no lugar de Brates – concello de Boimorto-.  Vai en honor a todos os veciños de Brates e en especial o Sr Cacharrón que fixo posible a gravación deste documento sonoro.

[audio mp3=»http://www.aregionalista.es/mp3/CiclodoAno/Madamas.mp3″ preload=»true»] 

Vámola alboreando – O son da harmónica.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1Como ben recorda Manuel Pombo García, o primero instrumento musical que tivo na man foi unha harmónica, daquela o trebello estrela entre os cativos:

Con seis anos xa andaba practicándome coa harmónica dun veciño, xa que por aquel entón non estaba ó alcance de todos, por pouco diñeiro que custara non deixaba de ser un enredo e caprichopara un rapaz. Co tempo, e como di o refrán: `O que a persegue a consegue´. Tanto insistía na casa en que me mercaran unha que ó fin cumpriuse, iso si grazas a unha cabra que pariu dous cabritiños, entre uns cartos que puxo miña nai e outros de miña irmá mercáronme a miña primeira harmónica na vila de Santiago, na zona vell anunha ferretería. Onde dei o meu primeiro concerto, o ferreteiro preguntou se sabía tocar, pois claro, collín nin curto nin preguiceiro comecei a tocar, o caso é que non debín de facer tan mal, pois aquel señor regalouma, non lles cobrou nada por ela e eu moi contento e miña nai moito máis.

Anos máis tarde souben que aquel home me regalara a hamónica era o Sr. Bernardo, o pai de Farruco o humorista.

Principalmente este é un instrumento de lecer individual, por excelencia dos máis pícaros, aínda que coñecemos casos de dúos de harmónica que amenizaban festas de forma altruístas, mesmo chegou a ser usado para facer foliadas xa que se presta para tocar calquera ritmo e melodía, tanto soltos como agarrados, dependendo dos límites do propio intéprete.

Realmente existen verdadeiros mestres autodidactas deste instrumento, sorprende como son capaces de facer a melodía e acompañamento rítmico básico, simulando os baixos dun acordeón, grazas a movementos áxiles de lingua matizan o paso do aire das cordas vocais cara á embocadura, cortes momentaneos coincidindo co ritmo da melodía sempre sen interferir na mesma.

Escoitaremos un fragmento melódico titulado `O valse dos vellos´ interpretado maxistralmente polo Sr. Pombo, nel podemos apreciar o xogo dos baixos no conxunto da melodía, recurso moi empregado por aqueles que dominan con experiencia o instrumento.