Todas las entradas de: chema

Vámola Alboreando – Ribeirana

Cando o Sr. Jesús Villar Souto era rapaz pasaba o tempo facendo enredos, é dicir, construía os seus propios xoguetes: «Daquela mandábannos co gando para o monte todo o día e tiñamos que buscar a maneira de entreter o tempo. A min sempre me chamou moito a atención a música, concretamente o son da gaita de fol, pero non había con que mercala, entón facía gaitas de algacén e algúnha frauta de sabugueiro. A música víñame de herdanza familiar, pois alá onde nacín, en Vilarín, no lugar de Cabana (Arzúa) meu padriño era un bo gaiterio e tiña formado, con meu tío e dous irmáns veciños, un cuarteto de gaitas de fol «Os Villares».

O repertorio do Sr. Jesus é moi variado, xa que toca pezas cun corte moi propio da Arzúa, que serían as que lembra do seu padriño e por outra banda as que aprendeu da súa estancia en Cacheiras-Teo (na Amahía), no val do Ulla. De entre o seu repertorio, quixemos destacar esta Ribeirana, muiñeira tocada de forma moi pousada, solemne e con moito gusto pois como el di: «Si se apura xa non é unha ribeirana«.

Esta é a nosa primeira entrega do que denominamos «Músicas de Teo». Cada quince días poderedes seguir puntualmente novas publicacións deste interesante traballo de campo desenvolvido por membros da Regionalista.

Enlace tenda:  http://www.aregionalista.es/store/

«Músicas de Teo» en ‘Lume na palleira’

«Vámola alboreando» en ‘Lume na palleira’

Este sábado 27 A Regionalista presentou o libro-cd «Vámola alboreando. Músicas de Teo» nos estudios da Radio galega, no apartado de ‘O recuncho da palleta’, da man de Pablo Díaz e Emilio Españadero. Como protagonistas Antonia Sánchez, quen aos 91 anos, co seu bo humor e sabedoría, nos deu mostra en canto á orixe das nosas raíces. Xunto a ela Germán V. Soneira, quen foi membro destacado dos Hermanos Lamas e dou fe da súa mestría tanxendo a gaita e cantando ao mesmo tempo.

Podedes escoitalo  partir do minuto 17 no seguinte enlace:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/lume-na-palleira-lume-na-palleira-do-dia-27-10-2012-452229

 

 

Músicas de Teo

Dende Asociación Cultural A Regionalista, en colaboración co concello de Teo, queremos facerlle partícipe da IV edición do ciclo persoeiros da terra. O evento terá lugar o vindeiro domingo 23 de setembro ás 18:00 h. no local social da Ramallosa- auditorio tras da Casa consistorial- onde se levará a cabo a presentación do libro-cd «Vámola alboreando. Músicas de Teo»  que recompila diversos temas interpretados orixinalmente por varios informantes do municipio teense.

Para tal ocasión contaremos coa intervención dos seus protagonistas (trasmisores), que interpretartan en directo o que son as músicas de Teo.

[iframe_loader width=’400′ height=’400′ click_words=’Ver Mapa en Grande’  click_url=’http://maps.google.es/?ll=42.794918,-8.549487&spn=0.00151,0.002524&t=h&z=19′ src=’http://maps.google.es/?ll=42.795172,-8.549359&spn=0.00151,0.002524&t=h&z=19&&output=embed’ ]

Festa do Demo

Como preludio ás grandes festas da Peregrina, comeza este xoves 23 de agosto a Festa do Demo. Esta personificación do mal percorre dende tempos xa esquecidos o centro histórico de Pontevedra facendo trasnadas de seu. Rematará tal escenificación na praza de Teucro onde dará comezo ás 21.30 unha verbena, ambientada na década dos anos cincuenta, a cargo dos nosos amigos CHICHISOS e do grupo de música ALVARIZA.

 

Homenaxe a Anxel Casal

Dentro dos diferentes actos programados polo concello de Teo para homenaxear a persoa de Anxel Casal participará o grupo «ALVARIZA«, concretamente o domingo 19 de agosto, ás 20.30 na praza da Estivada da Ribeira (Montouto-Cacheiras) poñendo a música na ofrenda floral diante do monólito dedicado a Anxel Casal e ás vítimas da infamia en calquera tempo e lugar.

 

Germán V. Soneira

O noso protagonista nace no ano 1939 co remate do conflito bélico. Con só trece anos sae a tocar por primeira vez cunha comparsa de Entroido en Calo, máis xa desde ben neno lle atraía a música.

Co paso dos anos entrou a formar parte da charanga de Cornide «Sexteto enxebre Hermanos Lamas«, integrantes que mesturaban a profesionalidade que lles outorgaba posuír coñecementos musicais, e cos que Germán aprendería os mesmos, mais un trato persoal exquisito. Estes factores mesturados farían da charanga máis ca un grupo, unha familia musical. Ata o ano 1962 tocaría no Sexteto pois, unha vez rematou o servizo militar, marcharía emigrado para o Brasil abandonando forzosamente a charanga.

Neste etapa de compartir experiencias, o noso transmisor formouse non só como gaiteiro, tamén como persoa. Eran anos duros nos que a maioría dos músicos compaxinaban esta afección con outros traballos, pois apenas daba para vivir o tanxer no instrumento, mais supuña uns ingresos extra para a familia.

Para o Sr. Germán, o apoio que lle brindaron na casa dende ben neno para se dedicar á música resultou fundamental, se ben certo é que xa proviña dunha familia de gaiteiros: seu pai Ramón e seu tío José Furelos, oriúndos de Balcaide (Calo-Teo) tamén tocarían coa Charanga de Cornide. Como recorda Germán: «Na casa de meus abuelos sempre houbo todo tipo de instrumentos, moita e farra e bo humor».

Esta foi a maneira de formarse como un «gaiteiro en toda regra», exportando a nosa música na diáspora galega. Entre as súas facultades destacar a capacidade, á vez que virtude, de tocar e cantar ao mesmo tempo, como el di: «A modo asturiano»; faceta complicada que domina á perfección ao igual que seu tío «Furelos«, de quen aprendeu cando percorrían os camiños de ida e volta dunha actuación. Naqueles tempos a maior parte das viaxes facíanse a pé polos camiños e carreiros. Así foi como aprendeu as pezas, nos traxectos: «Non como aghora que se fai academia. Con meu tío, que sabía de todos os bailes naqueles lugares onde había boas mozas, un pouco antes de cheghar á aldea comezabamos a botar unha pieza cantada coa gaita a dúo e así ata o lughar onde se facía a fuliada. Ao pouco tempo de cheghar xa se xuntaba toda a xente por ver os ghaiteiriños e veña farra pra diante. Así comenzábanse as fuliadas hai moito tempo  na Amahía coa chamanda do canto do gaiteiro».

O Sr. Germán é un dos poucos gaiteiros que mantén a calidade de tocar e cantar conxuntamente, práctica moi estendida anos atrás pero que hoxe en día está case que esquecida. Na actualidade atópase desligada como unha das virtudes que debería ter un para se converter nun gaiteiro «en toda regla», con prestixo e recoñecemento, ou así o entendía Don Manuel Dopazo.

Con este tema  Germán quere homenaxear a seu tío Furelos quen se converteu no seu mentor e mestre gaiteiro, a quen admiraba e quería.

 

 

Eu Xaquín Teo

Memorias dun baileEu Xaquín, Xaquín Teo, un vello da aldea que chegou a ver mundo…

As asociacións culturais A Regionalista e Rosalía de Castro, ambas as dúas de Teo, representan o vindeiro 10 de xuño ás 19 h. no Auditorio da Ramallosa-Teo unha escenificación na que me vexo involucrado e son partícipe: «A vida de Xaquín Teo. Memorias dun baile».

A través da miña vida faremos unha viaxe pola Galiza do século XX, pasando por momentos dramáticos como a Guerra Civil, onde me feriron, ou a forzosa emigración. Experiencia reais de varios testemuños agrupados entorno á miña persoa.

Calquera de nós que tivese a sorte de poder escoitar os nosos maiores saberá do que estou a falar, pois saber do noso pasado axudaramos a frontar o futuro.

convidados estades !!!

A Regionalista no Alalá

Este sábado 26 de maio emítese o programa ALALÁ que recolle a traxectoria da Asociación Cultural A Regionalista (Teo), bifurcada nas súas arterias Alvariza e Fargallos.

Estaremos acompañados por veciños, bailaríns da Asociación Rosalía de Castro (Cacheiras) e figuras destacadas do Concello de Teo como Don Gervasio Salgueiro Estévez -músico e director de bandas de música- e os gaiteiros membros do conxunto Hnos. Lamas de Cornide -o Sr. Germán V. Soneira e José Lamas Iglesias.

Queremos agradecer de antemán a todas aquelas persoas que coa súa colaboración fan posible que A Regionalista medre un pouco máis cada día, xente como: Roberto e María da Senra- café que prestaron o seu establecemento para realizar a gravación musical deste Alalá e como non, A Mámoa de Luou pola súa estreita colaboración da man de Ramón Paraxó.