Todas las entradas de: noia

O CICLO DO ANO ve a luz este xoves 14 de maio, entrega co GALICIA HOXE dun libro cd

A asociación A Regionalista publica en colaboración co xornal Galicia Hoxe un traballo de campo entregado en formato libro-cd co devandito diario e que pretende ser un pequeno tributo a toda a xente anónima que fai posible -a través do recordo- a recuperación de todo tipo de manifestacións culturais de raíz galega coma bailes, música, traxes, instrumentos, cantigas… Xunto a isto pretendemos dar a coñecer costumes propios do noso pobo –ás veces do máis curioso como o tocar dos trebóns en Vilariño de Conso para avisar da chegada do recadador de impostos-, curiosidades que moitos de nós descoñeciamos e que non desexamos esmorezan no maxín duns poucos ou no caixón dalgún escritorio.

ciclo1

Queremos que vostedes participen con nós -a través destas páxinas- da experiencia vivida no seu día e se decaten da riqueza do patrimonio inmaterial da nosa terra que está a desaparecer. En sete episodios percorremos as catro provincias galegas destacando en cada unha delas vivencias de carácter etnográfico que xiran en torno ao ciclo do ano. A nosa cultura está marcada por celebracións -moitas veces de orixe pagá- que marcaban o transcorrer anual en tempos pasados. No noso estudo escollemos -nun traballo que podería ser inabarcable de non poñer limitacións- momentos claves do ano no quefacer diario do nosos ancestros, desde decembro coas vivencias do Nadal, pasando polo Entroido, a Semana Santa, os Maios, as añas (ciclo do millo), a seitura e finalmente a Tasca do liño no inverno. Unha viaxe circular que comeza e remata nos meses inverníos.

As tres persoas que realizamos este proxecto desexamos que nos acompañen de “recollida”, termo empregado para viaxes e traballos como os que aquí presentamos, por estes sete episodios que pretenden dar conta dunha pequena mostra do que foi a vida do noso pobo, e da que desafortunadamente cada vez hai menos rastro.