Archivo de la categoría: Homenaxes

Homenaxes

PANXOLA DE FIN DE ANO.

Boqueixon (4)O Sr. José Castro `Costiña´da parroquia de Lamas-Boqueixón. foi un dos mozos, de saír a cantar as panxolas, de ir casa por casa pedindo licenza, de bailar sobre o chan das cociñas no tempo do Nadal ………..

Segundo lembra o noso protagonista, o Sr. Costiña. –Para facer máis loables os cantos, os mozos repartíanse en dous bandos alternando nos pés, a gaita de fol marcaba a cadencia a seguir e dependendo da capacidade de cada un farían voces altas ou baixa. Para diferenciarse as parroquias empregaban tons identificativos, propios de seu, así deste xeito se varios panxoleiros coincidían na mesma eira a cantar, algo que ocorría en casas fortes de labrada como era a de Pazos de Rubio, onde pasaban ata cinco comparsas de panxoleiros, eran claramente diferenciados e debidamente atendidos.

Este canto de fin de ano remite aos textos interpretados na noite do 31 de decembro ao amencer do día seguinte, primeiros de ano. Os versos fan alusión á chegada do Aninovo co que se espera un tempo mellor que deixe atrás o malo do pasado. No mesmo faise mención ao sufrimento de Xesucristo, alegoría entre o ben e o mal como condición de pecadores que seremos xulgados polas accións acometidas; xunto a isto, a alusión a un dos primeiros milagres, dos máis estendidos na tradición, atribuídos ao neno Deus que narra como na fuxida a Xerusalén lle devolve a vista a un cego, logo de que este lle dea una froita.

A información facilitada polo don José Castro Suárez `Costiña´alcumado así polo nome que recibe a casa onde vive, resultou de especial relevancia xa que foi a única persoa capaz de recordar á perfección o ton e as letras das panxolas cantadas na parroquia de Lamas. De feito, e durante  moitos anos, oficiou de panxoleiro cantando con gaiteiros como: Sr. Basilio de Rodiño, o Sr. Rosende `O da gaita Grande´ o Sr. Pepeiño  da Casa Nova de Rodiño pequeño,…..

Neste corte sonoro deixamos constancia da riqueza e saber das nosas xente, como o Sr. Costiña.

AS PANXOLAS. PURA DE SANíN.

Boqueixon (3)

 

A visión dada polos nosos maiores achegaranos ao Nadal dos tempos de antes co propósito de entender como se vivía a festividade natalicia. Na viaxe realizada tivemos a sorte de atoparnos con transmisor@s, que nos darán una visión xeral, centrándonos nos cantos propios deste tempo do ano.

Nas terras da Ulla os cantos natalicios son coñecidos como panxolas de Nadal; Dentro deste ciclo clasificamos os cantos segundo a temática e coincidindo cos días máis destacados: Noiteboa, Fin de ano, Aninovo e Reis. O procedemento era sempre e o mesmo, no día da conmemoración xuntábanse polo serán os panxoleiros; Comenzaba a andaina casa por casa pedindo licenza entrando nas eiras o son da gaita de fol. Se daban licenza, cantábase e a cambio recibían un aguinaldo, sendo convidados a entrar na casa a tomar algo onde se interpretaba outra peza como agradecemento. Cos cartos recadados era costume organizar un baile no tempo do Entroido.

A señora Pura de Sanin (Sergude-Boqueixón) quen, segundo lembra, a primeira cantiga que aprendeu con seis aniños grazas ás monxas que había en Lamas foi esta Canto de Noiteboa, xa hai máis de setenta anos. –Leváronme dúas-tres noites para a súa casa ata que aprendin para logo cantala na Igrexa- .  Chámanos poderosamente o feito de que estea íntegramente en galego una narración destas características, con connotacións relixiosas en torno ao nacemento do neno Xesús. Cómpre reflectir  que este canto non pertence ao ciclo propio dos panxoleiros, senón que a interpretación se reduce á celebración da misa solemne no día 25 de novembro. o que explica que non manteña os patróns das panxolas ( licenza e petición de aguinaldo).

Dicir que é una delicia escoitar o son belo que nace da gorxa da señora Pura de Sanín.

BOQUEIXÓN Música e Tradición. Libro CD.

CANTO DE CARRETEIRO. MANUEL NIEVES.

Manuel Nieves e Carmen Mareque Picón. Deseiro-Sergude. Boqueixón.

Boqueixon (17)De par do noso amigo José Caneda Mareque realizamos moitas viaxes polos lugares de Sergude, Lamas, Vigo, Rodiño,… Na primeira visita aos seus familiares en Deseiro de Arriba, coñecemos a Manuel Nieves e a súa dona Carmen Mareque. Xunto a eles recordamos cousas –das de antes– son das derradeiras persoas que viviron foliadas na parroquia, como se xuntaba a xente no lugar para, ao abrigo, bailar o solto ao son da pandeireta.

Mentras conversábamos, os noso protagonistas alternaban cantando, nunha destas o Sr. Manuel comezou a botarlle unha melodía das que acompañaban o paso dos carreteiros, sendo a súa voz aos  noventa anos mostra suficiente para comprobar nela o sentimento dun bo cantador. Reflictir que o noso protagonista aprendeu estas coplas dun carreteiro de Ardilleiro –Ramón do Cabreiro.- aquel home cantaba que o levaba o demo¡ segundo baixaba do Pico escoitaba a súa voz resoar no fondo de Sergude, era increíble e eu como me gustaba moito cantar e daquela cantaba ben porque a garganta axudaba, escoitaba aquelas coplas e xa me quedaban retidas na cachola.

Lonxe das comodidades que nos rodean na actualidade, a vida ao carón da natureza dos nosos transmisores era dura e sufruda, mais estimulaba lazos de convivencia vecinal reforzando os vínculos que os unían. Como recodan Manuel e Carme: Criámonos nun momento no que as casas e eiras estaban abertas, pasabas dunha para outra sen máis. A comida repartíase con quen fora e dentro da pobreza que había compartíase cos máis pobres. Eramos todos máis ou menos iguais.

O modelo de sociedade perdido axuda a entendermos  o por que da unión existente nas celebracións comunais. Hoxe ao par que esta desaparece, vanse co tempo as tradicións no pobo.

Vai na memoria de don Manuel Nieves este canto de carreteiro. Onde queira que este, a súa voz siga a resonar dende o máis alto do Pico….

BOQUEIXÓN. Música e Tradición.

LINO RODRÍGUEZ SALGADO. Igrexa-Boqueixón.

Boqueixon (24) A historia de como se fixo gaiteiro este home é tan curiosa como real. Sendo un mozote de quince anos polas festas da parroquia en Boqueixón, o San Roque, contrataran uns gaiteiros afamados da comarca…… Un cuarteto tradicional ben chulo, con aquelas monteiras altas e floridas, eran os      gaiteiros de Cacheiras chamados –Os Enxebres– á fronre un home xa feito que coxeaba algo dunha perna …como lle daba solás a aquela gaita…. 

Aquel día o Sr. Lino quedou prendido daquela música, marabillado por se converter nun deses gaiteiros repoludos, deuses das festas. Tal teima e admiración levouno a facerse cunha gaita e, inda que só tiña a metade dos cartos, foi falar con súa nai para convencer o pai e poder facer realidade o soño de ter una gaita na que tanxer: A verdade é que a meus país o son da gaita de fol gustáballes moito e iso tamén axudou, Daquela a gaita valera 30 pesos no taller dos Gómez, en Ardilleiro, moitos cartos na altura, case que por sesenta mercabas una vaca; para facernos una idea: un capricho.  Botei tres meses practicando sen parar, acudin xunto de -O Bico fendido- aprender a facer palletas dun mango de escoba de cana….

A primeira tocata que fixen foi cando me viñeron buscar as mozas do lugar; daquela non había outra diversión e todos querían a foliada de gaita. Alá   marchei, cansei de tocar no baile toda  a noite, por aquel entón había demanda para ir tocar, eramos poucos gaiteiros e moitas festas. Para que a cousa fose mellor preparei un conxunto con batería con dous cuñados meus: Francisco Martínez ó tambor e Amado Martínez ó bombo. Os instrumentos conseguimolos na Casa do Porto en Codeso, dous irmáns Mansamino e José, quen acompañaron por contrata durante anos a gaiteiros de sona coma O Bico fendido.

O que máis me gustaba era ir tocar a panxoliña. Cando os vellos do lugar cansaron preparei un conxunto ben bo, cuns mozos que tiñan unas voces extraordinarias, eran os irmáns de Brexo de Boqueixón. un mes antes do Nadal, xuntabámonos na casa vella da Igrexa para faser academia á noitiña.

Aos seus 90 anos recorda con nostalxia aqueles anos de gaiteiro na mocidade, do esforzó económico que fixeran seus país. Cando lle preguntamos polos temas que tocaba fálanos de pateados, muiñeiras, agarrados,…pero dos seus dedos saen temas populares, como: A Carolina, Ramboia, Pájaro pinto,…para este traballo escoitaremos A Rianxeira tan apropiada para estes días de setembro.

BOQUEIXÓN, Música e Tradición.2014

 

CESÁREO VILLAR VAAMONDE. A Granxa.

Boqueixon (37)

 

Para comprender a idíosincrasia do cuarteto Airiños do Pico antes temos que falar dos antecedentes que o orixinan e para tal efecto tivemos o pracer de coñecer a don Cesáreo Villar Vaamonde quen aos seus 100 anos loce una memoria envexable, pouso de todo unha vida.

Nado en san Miguel de Sarandón, lugar onde os seus país foron caseiros nos bens do Conde durante un tempo, trasladaríase coa familia ao lugar onde hoxe inda reside na Granxa-Boqueixón, alí mercarían propiedade xunto ao igrexario.

A relación de don Cesáreo coa música comeza aos once anos, cando de xeito autodidacta aprendeu a tocar cunha frauta traveseira de madeira que súa nai lle mercara na feira da Estrada, posiblemente do obradoiro de Riobó. A sorte acompañaríao na instrucción do devandito instrumento: …..Deuse a casualidade de que un fillo do caseiro sabía tocar a frauta e un día cando iamos para o monte co gando coincidimos …..Eu levaba a miña frautiña e el a súa, pola que me foi ensinando as notas….e asi aprendin música.

Xa instalado na Granxa, o noso protagonista comezou a facer labores de sancristán: coidar o camposanto, tocar a campá, axudar á misa… A cambio dos meus servizos pedinlle una gaita e así, con 17 anos, foi cando a encarguei no taller dos Gómez de Ardilleiro. Lembro que soaban moi ben, moi claras as notas no punteiro, preparábanas e logo vendíanas na casa ou nalgunha feira como na festa do Pico. 

O paso do tempo fixo que Sr. Cesáreo fose calmando a teima de bo gaiteiro conformando un conxuntiño ben xeitoso acompañándose dunha boa percusión: Xa con aquela gaitiña practiquei ben e saín tocar, xa un se defendía coa gaita grileira con ronqueta e media ronqueta axudado por bombo e tamboril. Estes cambiaban segundo quen estivera libre, teñen vido moito os irmáns Porto, de Codeso, moi bos á percusión.

Eran os anos da preguerra nos que a xente se devertía cao presenza dun conxunto de gaitas. O noso protagonista recorda facer o baile no mesmo domingo de Pascua: …A mocidade acudía en multitude aos bailes. Ás veces tiña de desprazarme na besta ata a festa que tocase e botabamos o día fóra., .. Lembro que una das máis afastadas foi en San Pedro de Ribeira-Touro. fomos pola maña e regresamos a noite..

Tal divertimento e bo ambiente entre a veciñanza viuse truncando co conflito bélico que mudou a historia de España e do que Cesáreo foi partícipe: …Cando a cousa mellor ía estalou a Guerra Civil e paralizou todo….Ao vires da fronte meu irmám Inocencio, moito máis novo ca min, estribillaba algo na gaita e saímos gañar unas perras… Cesáreo, hoxe un veterano da quinta do 36, con 20 anos pasou toda unha guerra en infantería no bando franquista e, como á maioría dos mozos non lle deron a elixir bando.

Logo do conflito bélico, no ano corenta Cesáreo casa con María Agrelo Souto, de Codeso. e desta unión nacen varios fillos, pero tan só Cesáreo Villar Agrelo (1945) mostra interese pola música. Co paso do tempo, o mestre accede a lle ensinar ao seu fillo a tocar a gaita ata que a progresión leva o descendente a fundar os Airiños Do Pico, un cuarteto con dúas gaitas en Si bombo e tamboril.

Boqueixón…Música e Tradición.2014

 

Despedida ao Mestre SANDE

O sábado día 29 de marzo despedimos o noso AMIGO e MESTRE Manuel Sande Boquete -primeiro pola dereita-, natural da Grela-Lampai (Teo), quen foi bombista da Requinta de Lampai ata o ano 40 e dos Hnos. Lamas ata os anos 80. Gran tocador de bombo con pratiños sabía as coplas todas da nosa tradición. Un Regionalista máis, foi o noso transmisor nas edicións -‘Centenario Hnos Lamas’ e ‘Vámola alboreando’- e colaborador na CRTVG (‘Luar’). Membro activo da sociedade teense (caza, deporte, comisión de festas…) deixounos á idade de 78 anos.
Aquí vos deixamos as súas verbas:
http://www.aregionalista.es/2013/08/vamola-alboreando-marcha-procesional/
Desde aquí dámoslles o pésame á familia.

Trasmisores

Adeus a Palmira ‘de Picón’

Palmira "de picón"O luns pasado 27 de maio deixábanos aos 97 anos unha mestra da vida e cantareira de corazón: Palmira Balado Gil -Palmira ‘de Picón’. Veciña de Cacheiras-Teo, encheunos de agarimo coa súa participación como transmisora na edición e presentación de Vámola alboreando. Músicas de Teo.

Permanecerás na nosa memoria.

 

 

 

 

 

[audio mp3=»http://www.aregionalista.es/mp3/Varias/Palmiradepicon.mp3″ preload=»true»]

Fallece D. Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso

20130420-010914.jpg

Hoxe temos que informar da triste perda de D. Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como a el mesmo lle gustaría que o lembrasen. Foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca.

Foi o mellor expoñente da tradición artística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Baixo o seu maxisterio foron recoñecidos por primeira vez os estudos oficiais de gaita galega polo MEC en 1977.

A concesión da Medalla Constantino Bellón, a gravación dun disco monográfico, ou homenaxes recibidas foron parte do recoñecemento a esta traxectoria tan intensa e fructífera para a cultura galega.

A capela ardente quedará instalada no Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 17:30 horas. A Misa e incineración será mañá as 17:00 horas na capela do Tanatorio.

Esta previsto que, ao inicio da Misa, Xaime Estévez e Mª Xosé López, alumnos de D. Henrique, toquen a “Oración do Gaiteiro”, peza composta por este gran mestre, con gaita e órgano. Ao rematar tocaranse as pezas “Muiñeira do Lagares” e “Festa na Eira”, por parte de todos aqueles que o desexen.

Secretaría da AGG