Archivo de la categoría: Homenaxes
Homenaxes
Video de Presentación do Homenaxe Centenario ó sexteto Hermanos Lamas
A continuación deixamovos o video co que se iniciou a presentación do Homenaxe Centenario ó Sexteto Hermanos Lamas.
[tube]http://www.youtube.com/watch?v=bY3oe_x6RYY[/tube]
Homenaxe aos Hermanos Lamas
Por segundo ano consecutivo fomos quen de levar a cabo o II certame «Persoeiros da Terra» nos que os protagonistas foron os integrantes do Sexteto enxebre Hnos. Lamas de Cornide-Teo. Co gallo do seu centenario decidímonos a homenaxear a esta formación no 2010 e, ainda que xa non están en activo, son moitos os que recordan con agarimo esta murga innovarora onde as houber.
Nun principio foi todo un reto para nós indagar na vida da familia Lamas, pois por degraza xa non vivía ningún dos seus patriarcas. A nosa insistencia e teima por sacar luz da memoria desta xente fixo que fósemos coñecendo, principalmente da man de José Lamas, quen foron os diversos integrantes da mítica charanga de Cornide. A evolución das nosas pesquisas tivo o seu broche de ouro cando conseguimos formar un sexto como o de antano, José e Modesto Lamas, Germán V. Soneira, Manuel Pombo, Antonio Carbia e Manuel Sande axiña retomaron os instrumentos para lembrar os temas de sempre do Sexteto do que en maior ou menor medida formaran parte. Un montón de historias e vivencias trascorridas na mocidade ían xurdindo conversa tras conversa sempre cun denominador común: o cariño e respecto para aqueles que xa non están entre nós. Xunto a eles implicouse un sen fin de xente: familiares dos Lamas, achegados, veciños…
Mención especial de entre os colaboradores a Asoción A Mámoa de Luou, quen nos abriu as portas da súa sede da Casa agraria de Luou para realizar os ensaios previos dos membros dos Lamas ao día 26 de setembro, data do evento. O devandito día pola tardiña, na parte baixa do edificio tivo lugar unha expoción sobre o Sexteto enxebre e no andar de arriba o acto musical en si, no que tamen participou a banda de gaitas da Mámoa e o grupo Alvariza que tocou algún tema dos Lamas.
De entre representantes e autoridades destacar a presenza dos presidentes de ambas as asociacións da Mámoa e da Regionalista respectivamente, D. Ramón Parajó e Julia Pozo, xunto coas autoridades do Concello, Carme Hermida -cultura- e Martiño Noriega, alcalde.
Nesta tarde inesquecible foi trascorrendo o acto nun auditorio e sala de exposición ateigados de xente para lle render tributo ao que foi un dos grupos insignes de Teo e do que bebemos moitas das formacións que hoxe existen no noso concello.
O feito de que as cousas saian a pedir de boca, como esta homenaxe, fan que o noso labor cobre máis sentido se cabe e dános os folgos necesarios para levar a cabo unha vindeira edición do Ciclo Persoeiros da Terra para o ano 2011. Co fin de deixar constancia deste momento, como tamén da importancia dos Lamas ao longo de cen anos, damos ao prelo un pequeno monográfico que recolle toda esta traxectoria da formación teense.
Sen dúbida ningunha para nós o mellor momento vivido non está plasmado no libro, referímonos ao momento álxido do evento cando seis membros dos Lamas saen ao escenario do salón e comezan a tocar co gusto de sempre. Nese intre, quen máis quen menos experimentou nas carnes moi boas sensacións, vibracións difíciles de explicar en palabras nunha perfecta comuñón co público que non quería que deixasen de tocar. Finalmente chegaron as emocións na entrega de agasallos e a máis de un escapoulle unha bágoa de emoción que asomaba polas sentidas verbas de agradecemento duns homes colmados pola experiencia que dá a vida.
Homenaxe o “Sexteto Enxebre Hermanos Lamas”
No II Ciclo «PERSOEIROS DA TERRA» temos a honra de presentar a homenaxe centenaria do Sexteto Enxbre Hermanos Lamas. Neste ano 2010 os Sexteto creado polos Irmans Lamas cumpre 100 anos.
Para este evento que se realizará o Domingo 26 de setembro no Local Social de Luou, editamos un libro coa historia de estos devanceiros para a sua época.
Ademáis teremos o pracer de escoitar a musica dos Lamas tocada polos últimos representantes de este sexteto, coa participación añadida de Alvariza e da Asociación Cultural «A Mamoa» que colabora con nos na presentación de este homenaxe.
Juan Alén. Acordeonista en Cacheiras, Teo
Na Memoria do Sr. Roberto Casal
Homenaxes os nosos transmisores
A asociación A Regionalista vén realizando en colaboración co programa Luar da RTVG diferentes homenaxes aos nosos transmisores, aqueles que, de forma desinteresada, nos amosan un modelo de vida hoxe en decadencia. A finalidade destes pequenos tributos é salvagardar e dar a coñecer a sabedoría, verbo da cultura popular, que ofrece o paso dos anos e a experiencia vital.
A nosa intención é realizar unha pequena mostra, a modo de pincelada, amosando o máis destacado da cultura popular do país en canto a: música, ritmo, formación, estrutura, coreografía, acompañamento, vestimenta,… Cómpre especificar que debemos ser moi conscientes de que calquera interpretación-tradición sacada do seu contexto orixinal e levada a un escenario sofre unha modificación notable. Desde o momento en que lles estamos a presentar unha danza aos espectadores desfiguramos e desvirtuamos a realidade; só conseguiremos achegarnos á mesma procurando unha aproximación o máis fidedigna posible do que ocorría nestas manifestacións socioculturais.
No contexto televisivo cómpre ter en conta que nos temos que adaptar a unha programación onde o tempo se reduce cuantiosamente. En escasos 5 minutos realizarase un breve contacto cos informantes a modo de presentación -normalmente atópanse nerviosos pola situación- e deseguido ten lugar a interpretación da danza pensada para ese momento.
A finalidade destes actos televisivos é dedicarlles un espazo aos nosos maiores para lles agradecer publicamente o labor de trasmisión oral que nos amosan e sobre o que se sostén o folklore do país conformando os piares necesarios para a pervivencia da cultura tradicional.
Marcial, O Gaiteiro de Foxás
Alá polos anos noventa o xermolo da actual A Regionalista xuntábase nun dos seus primeiros grupos de traballo de campo co fin de investigar a música que rodeaba as beiras do Ulla. No noso percorrido, e coma sempre por causas do destino, visitando as terras de Boqueixón rematamos unha tarde de domingo no concello de Touro. Por diferentes aldeas comezamos a recadar nomes de transmisores sendo o que máis repetían as xentes da zona o dun gaiteiro MARCIAL DE FOXÁS… E alí marchamos, ao lugar de Foxás…
Cando chegamos a unha pequena aldea dirixímonos a unha das casas onde –como ocorre nas máis das ocasións- unha amable dona nos atendeu, presentounos o seu marido, un home máis ben pequeno, de pelo claro-canoso e cun bigote ao uso; de aire moi espelido. Logo das pertinentes presentacións, o noso amigo empezounos a contar anécdotas da súa mocidade; o Sr. Marcial sería a porta aberta cara a un dos últimos gaiteiros “dos de antes” -ou dos de sempre-, á vella usanza, “de oído”.
A música fervía no sangue daquel home que tocara en formación de cuarteto tradicional e tamén coa incorporación da requinta –moi presente na zona do Ulla. Nun dos seus alardes de cariño alá foi ao cuberto e trouxo o seu instrumental: gaitas, caixa, bombo, acordeón… Esta amabilidade aparecía conxugada con algo fundamental para nós pois, Don Marcial, non deixara que a súa memoria esquecera o repertorio que tiña co seu grupo (quinteto de requinta). A través do fío da conversa demos co Sr. Camiño e co Sr. Lelo, dous homes que tocaran con Marcial -a gaita e a caixa respectivamente-, integrantes vivos do grupo e –sorpresivamente- o segundo deles medio irmán do avó –bo bailarín- dun dos membros da Regionalista que estaba alí de recollida; “cousas da vida” que diría Castelao…
Tardes inesquecibles as que alí pasamos lembrando tempos vivos na memoria do mestre Marcial e preciosas melodías que debullaba cos dedos este gaiteiro manicho, elementos que fixeron xermolar unha forte amizade que duraría case vinte anos. As visitas foron varias, unha delas coa nosa charanga tocando baixo a dirección do mestre no día da festa do San Breixo.
A derradeira visita –tristemente- foi hai unhas semanas cando nos trasladamos para darlle o último adeus, polo que aquí vai a nosa pequena homenaxe e lembranza agarimosa a través destas letras, mentres o noso patrimonio musical continúa a desaparecer con axentes case sempre anónimos coma o mestre Marcial.
No pensamento de todos está o noso cariño cara a esta xente que tanto nos ten dado. Alí onde estea amenizará coa gaita a quen o acompañe…
Esquela de Don Marcial Iglesias Vázquez viúvo de Jesusa Iglesias Lista. Veciño de Foxás-Touro O GAITEIRO DE FOXÁS. Finou aos 92 anos de idade, o 22 de setembro de 2009.
A Ruada de Lampai (Teo)
Na cultura galega, as xuntanzas veciñais e os actos realizados nas mesmas -principalmente no século pasado- permítennos recuperar hoxe o que identificamos como manifestacións culturais propias, algo que para os nosos devanceiros eran simples formas de vida e diversión.
Durante todo o ano, os bailes soltos, as cantigas e tamén os oficios requirían da unión e colaboración veciñal conformando un dos principias divertimentos no tempo de friaxe. Co comezo do outono cumpría buscar un espazo interior improvisado que se acomodaba dunha maneira sinxela, como podía ocorrer nas cortes do gando cando se estreaban coa molimada nova ou nun quinteiro o inxoito resgardado do frío e da auga. A relación entre o traballo e a música sempre tivo especial presenza na nosa cultura co gallo de facer máis liviá todo esforzo das nosas xentes.
As ruadas, ao igual que as foliadas, eran reunións da mocidade que se adoitaban celebrar os domingos pola tardiña nun espazo improvisado (eiras, pallotes, quinteiros,..), onde se daban cita os mozos da bisbarra principalmente co fin de pasalo ben e mocear. Estas xuntanzas serían o prolegómeno do que logo deu nos salóns de festas.
Moitos foron os nosos transmisores que acudían a estas ruadas onde aprendían a bailar e tocar, como era o caso do Sr, Manuel Sande e do Sr. Pepe de Ferreiro (bombo e caixa respectivamente) quen, alá polos anos corenta, acudían coma músicos para amenizar as ruadas e, por suposto, a divertirse e mocear un pouco despois do traballo. De feito, algún deles atopou o seu amor nalgunha destas xuntanzas veciñais.
Hoxe en día, o Sr. Manuel e o Sr. Pepe son a testemuña viva do que en antano foi a Requinta de Lampai (1942-1957). Xunto con Francisco e Andrés García, Manuel Álvarez e José Mª “o canteiro” constituíron un sexteto tradicional exclusivo das terras do Ulla, hoxe en vías de recuperación polas xeracións máis novas. Deles aprendemos esta muiñeira tan xeitosa que denominamos Muiñeira da Requinta de Lampai.
A figura de Don Gervasio
Orixes
O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace o noso protagonista, fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez en Cerdeira, Vilariño (Teo). Destacando o seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia, presentamos a Don Gervasio Salgueiro Estévez.
O evoluír das bandas ao longo dos anos foi vivido e lembrado por D. Gervasio con estas palabras:
As bandas repartíanse en pequenos grupos. Por ejemplo na música de Vea eramos uns trinta músicos case sempre en formación de entre sete e nove membros, dependendo da dispoñibilidade e dos cartos destinados por quen os contratase mais, sete era o número mínimo. Os instrumentos “fixos” nestas actuacións eran o bombardino; saxo baixo, alto e tenor; caixa; bombo e algún clarinete.
Os seus inicios foron no lugar de Couso onde asistía dúas veces por semana -aproximadamente á idade de dez anos- ás clases de Don Agustín Pazos. En tempos da preguerra, e dende a casa familiar, camiñaba uns cinco quilómetros para poder aprender primeiramente as notas musicais e, a continuación, coller o seu primeiro instrumento: unha trompeta de cilindros. Ao pouco tempo chegaríalle ás mans o instrumento que o acompañará ao longo da súa vida: o friscorno.
Logo destes inicios chegou a época da guerra, momento tráxico para a evolución das bandas de música que viron interrompida toda actividade e crecemento, que non se verá retomado ao mesmo nivel ata a década dos setenta-oitenta. O conflito bélico supuxo un forte golpe para a música por mor da morte de moitos integrantes de formacións que tiveran que ir á fronte e, posteriormente o exilio doutros tantos, aspectos que fan que desaparezan moitas bandas.
Na súa dilatada carreira, á idade de dezanove anos Don Gervasio decide fundar a Banda Artística de Vilariño, no ano 1941. Por aquel entón era frecuente asistir a academias dúas ou tres veces por semana en lugares máis ou menos improvisados.
O oficio de mestre musical na década dos corenta era considerado de pobres, ao igual que o de mestres de escola, pois non cobraban nada pola academia –como fixera con el seu primeiro mestre- e daquela eran escasos os cartos nas vilas e lugares para contratar actuacións das bandas que dirixían e polas que si cobraban.
Pola man do mestre protagonista pasarían moitos músicos e, aínda que non todos saíron, si houbo verdadeiros talentos que chegaron a vivir da música, o que xa era moito.
Representación e escenografía
En moitas destas festas era frecuente ir “tocar o ramo”, é dicir, acompañar a imaxe do patrón ou patroa do lugar dende a casa do funcionista ata a entrada da igrexa. Coma bos convidados tocaban unhas pezas antes de botar a andar avisando a xente do lugar que se fora achegando para marchar todos en procesión. Unha vez na capela a formación musical oficiaba os actos relixiosos propios da misa como eran o alzar e a procesión e, para remate, un pequeno concerto á saída da misa grande.
O ramo do patrón é unha réplica dunha imaxe relixiosa en formato pequeno, 30 ou 40 cm dun santo venerado nunha parroquia concreta (o San Blas de Vilariño ou As Cabezas en Cacheiras), que o día grande é adornado con fitas de cores, caramelos, bombóns, etc… Todas as larpeiradas van envoltas con papeis chamativos e brillantes que conseguen acaparar a atención do público ao igual que as damas que o acompañan, polo xeral mozas da propia casa ou familiares. A comitiva do ramo vai presidida polos músicos.
Principalmente nos anos de escaseza económica a contratación das bandas estaba influenciada polo feito de degustar o que se coñecía coma a “Parva”, é dicir, quen contrataba o grupo de músicos ofrecía un xantar reservando unha mesa do convite só para eles; alá polas once e media da mañá, xa tiñan que comer. Como era o día grande da festa comida non faltaba, uns petiscos e ás veces incluso cocido ou callos, un único prato a repetir, viño do país e algún doce ou larpeirada. A alegría polo comer a fartar era un feito e o trato económico se cadra menor en contía permanecía adobiado con estes manxares.
Antigamente as bandas de música eran tamén coñecidas como “música” ou “músicas”