Archivo de la categoría: Persoeiros da Terra

Homenaxe realizado a nosa xente.

Vámola Alboreando – Jota da Sra Pepa

A Sra. Pepa foi unha das tantas rapazas que veu vivir a Amahía procedente da montaña. Os «montañeses» era o alcume polo que eran coñecidos os que proviñan das terras altas. Non é un nome pexorativo, pois esta xente estaba moi ben vista ao ser considerados moi traballadores e honrados. A migración interior provocaría a mestura de diversas expresións culturais.

No que nos atinxe, neste caso a música, prodúcese unha simbiose que funciona á perfección concretada nesta jota que nos interpreta Sra. Pepa. Nada en San Xoán de Fecha, onde pasa parte da súa nenez e aprende a tocar a pandeireta, viaxa cos seus pais para asentarse no lugar de Penelas onde rapidamente estreita lazos coa mocidade do seu tempo, comezando sen se decatar unha interculturización e adaptación folclórica. Músicas e melodías, manifestacións foráneas, son rapidamente asimiladas formando parte íntegra dunha nova comunidade.

A nosa trasmisora recorda: «Elas aprenderon algunhas das miñas e eu collín das súas. O caso é que cando tocabamos todas para o baile nunca houbo ninghún problema. Cos meus tons ían moi ben as coplas que tiñamos».

 

«Músicas de Teo» en ‘Lume na palleira’

«Vámola alboreando» en ‘Lume na palleira’

Este sábado 27 A Regionalista presentou o libro-cd «Vámola alboreando. Músicas de Teo» nos estudios da Radio galega, no apartado de ‘O recuncho da palleta’, da man de Pablo Díaz e Emilio Españadero. Como protagonistas Antonia Sánchez, quen aos 91 anos, co seu bo humor e sabedoría, nos deu mostra en canto á orixe das nosas raíces. Xunto a ela Germán V. Soneira, quen foi membro destacado dos Hermanos Lamas e dou fe da súa mestría tanxendo a gaita e cantando ao mesmo tempo.

Podedes escoitalo  partir do minuto 17 no seguinte enlace:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/lume-na-palleira-lume-na-palleira-do-dia-27-10-2012-452229

 

 

Homenaxe a Nosa Requinta

O pasado 8 de outubro , sobre as 18.30 do serán reunimonos no local cultural da Carcacía, en San Pedro de Carcacía, para lles render tributo a estas formacións: as requintas de Reis, Lampai e Carcacía, que fomaron e forman un triángulo máxico nas expectativas da musicoloxía do país. Por suposto, homenaxeamos os que foran os seus membros activos e os achegados de todos.

Lamentamos que moitos dos nosos transmisores non chegaron a vivir este evento tan emotivo e máis que xustificado. Para a ocasión, tivemos a sorte de contar coa presenza e axuda incondicional de familias de integrantes das requintas como a do Sr. Romero de Carcacía, en concreto os seus netos Carmen e Manuel, e tamén membros da requinta de Lampai como o Sr. Francisco (Rumille), o

 

Sr. Sande e Pepe de ferreiro (Lampai). grazas ao seu labor recuperamos moitas melodias e anécdotas que recordaron para nós e quedaron rexistradas no libro » a nosa requinta, de Teo a Padrón».

 

Agradecera todas as familias que a través da súa colaboración (fotos, istrumentos, e materiais persoais , lembranzas…) nos prestaron o material necesario para poder levar a cabo unha exposición encadrada no marco da requinta.

Mención especial a xente como Manolo de Romero, Francisco García ,Patricio Piñeiro, Manuel Sande e Pepe de ferreiro que actuaron conxuntamente con membros de Alvariza reconstruindo un sexteto tradicional de requinta o cal encheu de vida o acto facendo un repaso polas tres diferentes formacións devanditas. Sen eles non seriamos qeun de desenvolver este labor.

 

Xa para rematar, agradecer a toda aquela xente que se achegou para acompañarnos no local que, por sorte, quedou pequeno para tanto público asi como ás autoridades dos dous concellos implicados: a técnica de cultural de Padrón e a conselleira de educación María C. Álvarez e o Sr. Alcalde Martiño Noriega do concello de Teo, pois a súa presenza axuda a que estes actos recollan e reforcen o grao de importancia que deben ter. recoñecer asi mesmo o labor destacado de persoas e entidades «anónimos» pola difusión da nosa cultura e obra realizada.

 

Dende a Asociación Cultural a Regionalista queremos contribuir á recuperación da memoria perdida destes conxuntos dando ao prelo un libro sobre os diferentes grupos de requinta que existiron no noso concello de teo e no lindeiro de Padró polas influencias e nexos de unión. Esta é a mellor forma que atopamos de agradecer o gran labor de difusión da música tradicional do Ulla dos que no seu día foron e son os nosos conveciños.

 

 

 

 

 

 

Homenaxe aos Hermanos Lamas

Por segundo ano consecutivo fomos quen de levar a cabo o II certame «Persoeiros da Terra» nos que os protagonistas foron os integrantes do Sexteto enxebre Hnos. Lamas de Cornide-Teo. Co gallo do seu centenario decidímonos a homenaxear a esta formación no 2010 e, ainda que xa non están en activo, son moitos os que recordan con agarimo esta murga innovarora onde as houber.

Nun principio foi todo un reto para nós indagar na vida da familia Lamas, pois por degraza xa non vivía ningún dos seus patriarcas. A nosa insistencia e teima por sacar luz da memoria desta xente fixo que fósemos coñecendo, principalmente da man de José Lamas, quen foron os diversos integrantes da mítica charanga de Cornide. A evolución das nosas pesquisas tivo o seu broche de ouro cando conseguimos formar un sexto como o de antano, José e Modesto Lamas, Germán V. Soneira, Manuel Pombo, Antonio Carbia e Manuel Sande axiña retomaron os instrumentos para lembrar os temas de sempre do Sexteto do que en maior ou menor medida formaran parte. Un montón de historias e vivencias trascorridas na mocidade ían xurdindo conversa tras conversa sempre cun denominador común: o cariño e respecto para aqueles que xa non están entre nós. Xunto a eles implicouse un sen fin de xente: familiares dos Lamas, achegados, veciños…

Mención especial de entre os colaboradores a Asoción A Mámoa de Luou, quen nos abriu as portas da súa sede da Casa agraria de Luou para realizar os ensaios previos dos membros dos Lamas ao día 26 de setembro, data do evento. O devandito día pola tardiña, na parte baixa do edificio tivo lugar unha expoción sobre o Sexteto enxebre e no andar de arriba o acto musical en si, no que tamen participou a banda de gaitas da Mámoa e o grupo Alvariza que tocou algún tema dos Lamas.

De entre representantes e autoridades destacar a presenza dos presidentes de ambas as asociacións da Mámoa e da Regionalista respectivamente, D. Ramón Parajó e Julia Pozo, xunto coas autoridades do Concello, Carme Hermida -cultura- e Martiño Noriega, alcalde.

Nesta tarde inesquecible foi trascorrendo o acto nun auditorio e sala de exposición ateigados de xente para lle render tributo ao que foi un dos grupos insignes de Teo e do que bebemos moitas das formacións que hoxe existen no noso concello.

O feito de que as cousas saian a pedir de boca, como esta homenaxe, fan que o noso labor cobre máis sentido se cabe e dános os folgos necesarios para levar a cabo unha vindeira edición do Ciclo Persoeiros da Terra para o ano 2011. Co fin de deixar constancia deste momento, como tamén da importancia dos Lamas ao longo de cen anos, damos ao prelo un pequeno monográfico que recolle toda esta traxectoria da formación teense.

Sen dúbida ningunha para nós o mellor momento vivido non está plasmado no libro, referímonos ao momento álxido do evento cando seis membros dos Lamas saen ao escenario do salón e comezan a tocar co gusto de sempre. Nese intre, quen máis quen menos experimentou nas carnes moi boas sensacións, vibracións difíciles de explicar en palabras nunha perfecta comuñón co público que non quería que deixasen de tocar. Finalmente chegaron as emocións na entrega de agasallos e a máis de un escapoulle unha bágoa de emoción que asomaba polas sentidas verbas de agradecemento duns homes colmados pola experiencia que dá a vida.

Homenaxe o “Sexteto Enxebre Hermanos Lamas”

No II Ciclo «PERSOEIROS DA TERRA» temos a honra de presentar a homenaxe centenaria do Sexteto Enxbre Hermanos Lamas. Neste ano 2010 os Sexteto creado polos Irmans Lamas cumpre 100 anos.

Para este evento que se realizará o Domingo 26 de setembro no Local Social de Luou, editamos un libro coa historia de estos devanceiros para a sua época.

Ademáis teremos o pracer de escoitar a musica dos Lamas tocada polos últimos representantes de este sexteto, coa participación añadida de Alvariza e da Asociación Cultural «A Mamoa» que colabora con nos na presentación de este homenaxe.

Homenaxe a D. Gervasio Salgueiro Estévez


Homenaxe

A figura de Don Gervasio

Orixes

O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace en Cerdeira, Vilariño (Teo) o protagonista deste libro e a quen lle queremos render tributo polo seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia: Don Gervasio Salgueiro Estévez.

Fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez, tivo tres irmás: Consuelo, María e Ramona e un irmán, Manuel.

Dende pequeno gustábame a música, púñame ao lado dos músicos cando viñan tocar… quedaba alí quietiño…”

Estas son as palabras coas que Don Gervasio lembra os seus inicios e gusto pola música. Dende ben pequeno amosaba admiración polos músicos que se achegaban ás festas da aldea, máis cando seu pai convidaba a comer a membros da banda en tempos en que estes eran repartidos polas casas dos veciños nos días da festa. O pequeno Gervasio víaos coma xente importante, elegantes cos seus traxes e gorras, á parte de traer o instrumento que terminaba de engaiolar ao noso protagonista.

Un momento do homenaxeDende estes anos el tivo claro que quería ser músico. A vocación, e en contra do que puideramos pensar, sabemos que non lle viña dada pola influencia directa de ningún familiar, se ben en “tempos antigos” puido existir algún antepasado músico.

Os seus inicios nesta arte foron no lugar de Couso onde asistía, aproximadamente á idade de dez anos, ás clases de Don Agustín Pazos dúas veces por semana. Dende a súa casa na preguerra- ía polos camiños a pé.

O día 5 de setembro de 2009 botamos a andar o I Certame Persoeiros da Terra do Concello de Teo, homenaxe que recaeu na figura de Don Gervasio Salgueiro Estévez.
O acto realizouse na parroquia de Vilariño, ás 18.00 horas do serán, no mesmo campo do baile que conta cunha estupenda carballeira e palco da música.
Logo da pertinente e digna recepción das autoridades do concello co noso homenaxeado, procedemos ó descubrimento da placa conmemorativa a pé de palco, quedando así de forma perpetua o nome de Don Gervasio Salgueiro Estévez rexistrado no lugar que o viu nacer.
O acto comezou –musicalmente- co concerto de clarinete solista a cargo de Nicolás Otero Conde, o que foi un dos seus alumnos predilectos interpretou para a ocasión unha obra de virtuosismo, dando de seguido paso á Banda Cultural de Teo, que colaborou de maneira desinteresada neste acto, xa que don Gervasio foi o seu fundador e director durante os seus primeiros anos de existencia.
Xa para rematar as actuacións do evento, o grupo Alvariza da A.C. A Culturalista, vestidos cos traxes propios das bandas de primeiros de século, interpretou pezas das músicas daquela época, reproducindo así o que foran estas formacións e sons antigos. Desta forma fíxose unha viaxe atrás no tempo, dende a actualidade ata os inicios na música do noso homenaxeado.
Finalmente e, como era a nosa obriga, fixémoslle entrega dunha batuta feita polas mans dun ourive coñecido de Santiago facendo imperecedeiro este día. Da mesma forma, o concello correspondeu co seu papel facéndolle entrega de diferentes presentes ó tempo que recoñecían a súa traxectoria como músico e fundador de numerosas bandas dentro e fóra do municipio e coma formador mestre de músicos en toda a bisbarra.
O bo tempo acompañounos nunha tarde solleira e primaveral que nos quixo servir de marco nun acto tan solemne arroupado por toda a súa familia que admira e estima o labor de Don Gervasio, tamén como músico, por todos os veciños de Vilariño e achegados e por compañeiros de fatigas coñecidos ao longo dos máis de 80 anos dedicados á música polo noso protagonista.
Como broche final, todos os músicos alí presentes: Banda Cultural de Teo, Alvariza e membros da antiga Banda Artística de Vilariño subiron ó palco e, baixo a batuta recén estreada polo que fora seu mestre, interpretaron todos xuntos o Himno Galego.
De agradecer foi a colaboración de A Senra café, nas mans de Rober e Mari, que se sumou a este acto convidando a un suculento cátering para todos os alí presentes e participantes.
A Regionalista aproveitou este día para facer a presentación do libro que recolle a vida e obra de Don Gervasio, o cal foi un éxito rotundo pois neste primeiro día as vendas superaron os 100 exemplares, o que resulta moi gratificante e nos motiva a seguir organizando estes eventos conmemorativos xa que son moitas homenaxes a persoeiros senlleiros que se perden no esquecemento.

PROGRAMA ANUAL DE HOMENAXES A PERSOEIROS SENLLEIROS DE TEO NO EIDO MUSICAL

 Dende a Asociación A Regionalista preténdese levar a cabo un programa de homenaxes a persoeiros senlleiros do eido musical no noso Concello de Teo. 

Con este programa pretenderase saldar unha débeda histórica que temos cos distintos persoeiros destacados que nos dou a nosa terra e que formaron a moitos dos músicos do noso concello. Ao mesmo tempo tamén se converte nunha inmellorable ocasión para dar cita as distintas entidades e asociacións do noso concello para tocar xuntos e ter un día de convivencia entorno a estes persoeiros que colaboraron dun ou doutro xeito con eles. 

Tamén como non, servirá  de escaparate a modo de memoria histórica para darlle a coñecer a todods os veciños, tanto residentes como non, asi como ós visitantes actuais e petenciais, e ós aficionados á música, as persoas que asentaron as bases da música en Teo e estallaron as súas notas máis alá dos nosos límites levando o nome do noso concello.