De forma individual ou conxunto, os cantos de ronda seguen una `métrica libre´ en canto á súa extensión, é dicir, varían segundo o gusto do intérprete. Para a execución, unha persoa `guía´comeza o verso da copla e a continuación é seguida polos demais, deste xeito márcase o ton e a melodía a seguir que, polo xeral, xa é coñecida polos contiguos.
Mantemos a denominación de `ronda´ tal e como o definiron as nosas transmisoras, Gumersinda Sanjurjo, Manuela Castelao e Josefina Seoane, cantaban estas melodías cando rondaban (pasaban) polos diferentes lugares de volta ás súas casas.
Estes cantos eran interpretados pola mocidade mentres percorría os camiños. Nos tempos de antes o acceso ás aldeas eran tan precario coma dificultoso a través de corredoiras, carreiros, camiños de carro por onde discorría a vida da xente para desenvolver a actividade diaria e acudir a actos relixiosos, ir ao muiño, ás festas … Tales circunstancias obrigaban a facer os desprazamentos a pé ou como moito con tracción animal. Para acurtar tempos facíase uso de diferentes atallos que concorrían por medio de montes con moitas trabas, pasadoiros, fortes pendentes, zona de lama… que se vían agraviados coa escuridae por falta de luz artificial, o que os facía propicios para os ataques de maleantes e creaba consecuentemente un medo latente na sociedade.
Son moitas as historias que recollemos dos nosos informantes e que acontecían no transcurso dos desprazamentos como ter que pasar descalzos polo medio da lama ou do regato para non mollar e esnaquizar os únicos zapatos que se tiñan para ir á festa, e logo volvelos a poñer ao chegar ao baile. Outras tratan diferentes amoríos que se cocen polos camiños……
O canto que seleccionamos foi recollido en Cobas (Cacheiras, Teo), as que no seu momento foron unas mozas moi festeiras e divertidas, coñecidas polas boas voces que gastaban, daban en cantar a calquera momento ou celebración, en festas coma o Entroido ou mesmo no traballo (raias). Elas, ao igual que moitas, tiñan o costume de cantar cando voltaban dos bailes pola madrugada, ou dunha malla que remataba de noite. Cando pasaban por una aldea era frecuente que entoaran cancións coma estas que podemos escoitar.
Aínda hai moita xente que recorda e añora oír una cantiga ou o son da nosa gaita de fol a altas horas da noite.