Vámola Alboreando – Romance

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1Os romances remítenos a un xénero literario de tradición histórica na península ibérica e que podemos identificar como forma propia da lírica narrativa castelá.

Na atualidade é moi difícil atopar ‘transmisores’ que lembren estas historias, a temática do romance é moi variada, aínda que predominan temas coma: o marido enganado, os mitos de doncelas que se fan pasar por soldados, raptos de infantes, etc.., existindo diversas versións dos mesmos. Algunhas destas composicións atópanse fragmentadas, mentres outras sofren engadidos de novas pasaxes para complementar as partes esquecidas. Ás veces podemos atopar a fusión dun romance con outro, propio das actualizacións e recreacións constantes por parte dalgún interprete, proceso que engade valor e beleza á vez que enriquecemento continuo para a nosa cultura, mais tal variedade pode chegar a provocar dificultades á hora de os clasificar ou chegar a identificar o proceso evolutivo das historias.

De entre os máis coñecidos e estendidos pola xeografía galega cómpre destacar o ‘Romance de Gerineldo’, sen dúbida ‘o rei’ da nosa cultura romanceira tradicional, xa que consta de tantas variantes como intérpretes ten.

Un dato curioso é que os transmisores destas narracións na ampla maioría son mulleres que contan cunha avanzada idade, convertendo así a súa memoria lúcida no último refuxio vivo desta temática.

O noso concello é privilexiado en canto a transmisores de romances de toda índole e procedencia, hai lugar para todo tipo de narracións: desamores, infidelidades e épicas da guerra da Reconquista española tamén tiveron seu espazo no romanceiro. Grazas a eles chegou aos nosos días outra parte da historia (raptos, fazañas, triunfos e derrotas na batalla, heroes…)

De entre todos os romances recollidos no municipio, decidimos elixir o interpretado pola Sra. Aurora Matos Iglesias no que nos narra a historia do desengano ante o altar. Sabemos que a maioría destas composicións non ten unha melodía específica e a nosa transmisora é quen  de lle outorga a propia do lugar.

Existen outras variantes máis longas, incluso algunhas provenientes do texto de cordel, que por exemplo interpretaban os cegos ou músicos ambulantes das feiras, ‘delatados’ pola melodía empregada na interpretación.

Adeus a Palmira ‘de Picón’

Palmira "de picón"O luns pasado 27 de maio deixábanos aos 97 anos unha mestra da vida e cantareira de corazón: Palmira Balado Gil -Palmira ‘de Picón’. Veciña de Cacheiras-Teo, encheunos de agarimo coa súa participación como transmisora na edición e presentación de Vámola alboreando. Músicas de Teo.

Permanecerás na nosa memoria.

 

 

 

 

 

[audio mp3=»http://www.aregionalista.es/mp3/Varias/Palmiradepicon.mp3″ preload=»true»]

O ciclo do ano- Os Maios

Os Maios ou Madamas na provincia da Coruña.

Gaiteiros e mulleres encargados de interpretar as rondas e cantigas propias dos maios
Gaiteiros e mulleres encargados de interpretar as rondas e cantigas propias dos maios

Nos últimos días de abril e primeiros de maio teñen lugar estas celebracións nas cales mulleres e homes se xuntan para cantar. A alegría polo espertar da natureza maniféstase nestas datas en diferentes lugares do mundo e de forma moi diversa. Ritos ancestrais cheos de colorido na nosa cultura solicitan na festividade das flores evitar o mal fario nos campos e poder ter unha boa colleita.

O espertar da natureza conleva o renacer do sentimento amoroso e, consecuentemente, o canto á beleza que nace arredor do xénero femenino quedará patente musicalmente nas Madamas.

Segundo varios dos nosos transmisores, e coincidindo coa orixe destes cantos, recordan dos maiores do lugar que estas pezas se interpretaban no mes das flores, mais co devir do tempo pasaron a ser propias do mes de decembro producíndose unha adaptación destes cantares ao ciclo natalicio, cuestión que explica a preseza dunha  licenza, a modo de introdución, nos primeiros pés na que se lle solicita permiso aos presentes para a interpretación e finalmente remata solicitándose o aguinaldo,como propio das composicións do ciclo de Nadal.

As madamas en comparación con outras cantigas propias dos maios, tematicamente, non teñen nada que ver, de feito moitas destas últimas recollidas na zona de Pontevedra e Ourense teñen un espíritu crítico político-social que non posúen as madamas. O que se facía era unha descrición desde a cabeza ata os pés dunha determinada muller, mencionando as súas cualidades físicas e destacando os seus atributos desde o cabelo, ollos, peitos…

Esta composición tan fermosa, propia do maio, recollémola no lugar de Brates – concello de Boimorto-.  Vai en honor a todos os veciños de Brates e en especial o Sr Cacharrón que fixo posible a gravación deste documento sonoro.

[audio mp3=»http://www.aregionalista.es/mp3/CiclodoAno/Madamas.mp3″ preload=»true»] 

Fallece D. Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso

20130420-010914.jpg

Hoxe temos que informar da triste perda de D. Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como a el mesmo lle gustaría que o lembrasen. Foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca.

Foi o mellor expoñente da tradición artística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Baixo o seu maxisterio foron recoñecidos por primeira vez os estudos oficiais de gaita galega polo MEC en 1977.

A concesión da Medalla Constantino Bellón, a gravación dun disco monográfico, ou homenaxes recibidas foron parte do recoñecemento a esta traxectoria tan intensa e fructífera para a cultura galega.

A capela ardente quedará instalada no Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 17:30 horas. A Misa e incineración será mañá as 17:00 horas na capela do Tanatorio.

Esta previsto que, ao inicio da Misa, Xaime Estévez e Mª Xosé López, alumnos de D. Henrique, toquen a “Oración do Gaiteiro”, peza composta por este gran mestre, con gaita e órgano. Ao rematar tocaranse as pezas “Muiñeira do Lagares” e “Festa na Eira”, por parte de todos aqueles que o desexen.

Secretaría da AGG

Vámola alboreando – O son da harmónica.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1Como ben recorda Manuel Pombo García, o primero instrumento musical que tivo na man foi unha harmónica, daquela o trebello estrela entre os cativos:

Con seis anos xa andaba practicándome coa harmónica dun veciño, xa que por aquel entón non estaba ó alcance de todos, por pouco diñeiro que custara non deixaba de ser un enredo e caprichopara un rapaz. Co tempo, e como di o refrán: `O que a persegue a consegue´. Tanto insistía na casa en que me mercaran unha que ó fin cumpriuse, iso si grazas a unha cabra que pariu dous cabritiños, entre uns cartos que puxo miña nai e outros de miña irmá mercáronme a miña primeira harmónica na vila de Santiago, na zona vell anunha ferretería. Onde dei o meu primeiro concerto, o ferreteiro preguntou se sabía tocar, pois claro, collín nin curto nin preguiceiro comecei a tocar, o caso é que non debín de facer tan mal, pois aquel señor regalouma, non lles cobrou nada por ela e eu moi contento e miña nai moito máis.

Anos máis tarde souben que aquel home me regalara a hamónica era o Sr. Bernardo, o pai de Farruco o humorista.

Principalmente este é un instrumento de lecer individual, por excelencia dos máis pícaros, aínda que coñecemos casos de dúos de harmónica que amenizaban festas de forma altruístas, mesmo chegou a ser usado para facer foliadas xa que se presta para tocar calquera ritmo e melodía, tanto soltos como agarrados, dependendo dos límites do propio intéprete.

Realmente existen verdadeiros mestres autodidactas deste instrumento, sorprende como son capaces de facer a melodía e acompañamento rítmico básico, simulando os baixos dun acordeón, grazas a movementos áxiles de lingua matizan o paso do aire das cordas vocais cara á embocadura, cortes momentaneos coincidindo co ritmo da melodía sempre sen interferir na mesma.

Escoitaremos un fragmento melódico titulado `O valse dos vellos´ interpretado maxistralmente polo Sr. Pombo, nel podemos apreciar o xogo dos baixos no conxunto da melodía, recurso moi empregado por aqueles que dominan con experiencia o instrumento.

 

 

Vámola Alboreando – Cantar as cruces

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1Os cantos das cruces, así denominados na bisbarra do Ulla, son interpretados na paixón de Xesús. Esta é unha temática pouco coñecida aínda que moi estendida por todo o noroeste peninsular. Cada vez son menos empregados na liturxia do Xoves e Venres Santo, polo xeral efectuados por mulleres, de cadencia pausada e monótona, aprendidos a través da repetición. A temática é propia destas datas, narran os últimos episodios da paixón do Señor, a través dun viacrucis, cada cruz representa unha das trece «estacións» nas que se relata cantando o suceso ou acontecido que rematará coa crucifixión.

Existen  moitas variantes dependendo da área xeográfica na que nos atopemos pero todas manteñen a temática de recordar o momento tráxico na vida do Salvador, a modo de procesión os fieis percorren as trece cruces deténdose nelas recordando un momento concreto da paixón.

Neste caso concreto, o canto de cruces recollido a Sra, Antonia Sanchéz de Bamonde, Teo, consta de copla e estribillo: cada copla narra o momento da estación aparecendo intercaladamente o estribillo, que axuda a cambiar entre elas. Ao final este aparece pechando con certa énfase a composición, coencidindo coa morte de Xesús na cruz, nun momento en que fan soar as carracas dende o fondo da igrexa (lugar que ocupan os homes) desatando un son enxordecedor en todo o interior do recinto que axuda a teatralizar máis o momento da devandita morte, cando o ceo se cobre e forma unha gran treboada.
Nunha celebración cristiá en toda regra, transformada polos fregueses, as cantigas son de ton solemne, acordes co acto a celebrar.

Vámola Alboreando – Canto do Carreteiro

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1O oficio de carreteiro podemos catalogalo como o dun traballo ambulante de quen transita os camiños do país levando mercadorías. Desde hai varias décadas, coincidindo coa mecanización do campo, a profesión foi desaparecendo. As mecadorías pasaron a trasladarse en automóbiles e camións e o uso dos bois como animal de traballo, e tamén de compañiafoi esvaecendo. Perdíase pois o vínculo de amizade, respecto e nobreza entre carreteiros e animais. É moi difícil hoxe en día atopar unha xugada de bois, imprescindible non hai aínda moitos anos en todas as casas labrega de Galicia.

A profesión obriga a pasar longas xornadas en corredoiras e camiños, sen máis compaña que os animais- unha xugada de bois– que tiraban  do carro. Esta situación levou a entoar un sen fin de cancións co fin de aliviar a soidade e apartar o sono dos camiños tal como recorda o Sr. Paulino, máis coñecido polos seus veciños de Teo como » Paulino do Vinculeiro«. Coñeceu de moi rapaz o oficio de carreteiro da man de seu pai, quen o inicio nas primeiras andainas polos camiños. De neno xa axudaba a carrretar cos bois e unha vez chegados os quince anos «relevou» a seu pai, que xa ía maior. Pouco a pouco foi coñecendo as dilixencias do oficio, pero tamén a dureza,como ben redacta esta copla que el mesmo aprendeu de seu pai:

«O carreteiro é unha vida penada

nin oe misa os domingos

nin dormen na cama.»

O Sr. Paulino estivo activo ata 1975 cando decidiu pór fin a este labor e con el probablemente o do último carreteiro do noso concello de Teo. Moitos foron os anos e moitas as historias para recordar e compartir con calquera que así o desexe. Ademais dun sen fin de anécdotas da picaresca que se sucede neste oficio, recorda á perfección os cambios que sufriu a vila de Santiago, tanto no urbanístico coma no cotián da vida.

Ter o testemuño do señor Paulino do Vinculeiro é para nós unha oportunidade de encher un oco na tradición oral, pois son varias as alusións á profesión de carreteiro e poucas as oportunidades de establecer contacto con algún deles.

 

Vámola Alboreando – Canto de muiños

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1A igual que outros moitos relatos e histórias (cantares de cego, romances, sinsarralladas…) que na nosa sociedade foron sufrindo os cambios propios do proceso de transmisión oral, para o caso concreto do Val do Ulla observamos que moitas foron mesmo alteradas na orixe ao ser reutilizadas como cantares de Antroido. Adaptándose a estas novas necesidades perde o sentido polo que foron orixinadas e cobran o ton irónico e burlesco das festas de Don Carnal. Cómpre recoñecer que esta adaptación na época das máscaras garantiu que en gran medida chegaran a estes días, aínda que tras dunha imaxe de falsa identidade verbo de para o que foron creadas.

En torno aos muiños artéllanse unha potente rede social, centro de actividade económica e lúdica ao mesmo tempo, lugar de reunións e intercambios culturais. A sona deste lugares contribuíu a facer da muiñeira o ritmo máis identificativo de Galicia. Como recolle a recoñecida copla popular: «Unha noite no muiño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira iso é muiñada»

Numerosos son os contos que obtivemos dos informantes. Algúns poñen a pel de galiña, como os casos que nos relatan abusos a mulleres por desalmados animais que, facendo uso da forza, sometían as mozas. Xunto a estas crúas historias, atopamos outras cheas de beleza e nas que o muiño servía de lugar de encontro para namorados que alí se daban cita. As anécdotas retranqueiras e humorísticas non faltaban, como reflicte o termo «fillos do muiño» atribuído aos rapaces concibidos neste lugar, mesmo consentidos fóra do matrimonio, xa que todos estaban ao corrente do acontecido. Estes relatos e outros moitos foron transmitíndose.

Só o recordo dos maiores e a transmisión oral de relatos-como os recollidos no lugar de Chaves, Lucí  á Señora Angustias Calo Carrillo- fan eco do que foron os muiños. Concretamente, alí inda hai quen lembra as peripecies que levaba a cabo » O  Marquixo» -así alcumado- personaxe masculino de idade madura e moi coñecido na contorna, xa que andaba tentando as rapazas novas dos arredores tratando de engaiolalas para logo dar boa conta delas. Con todo, estas meniñas xa estaban ben avisadas de tal personaxe para que non sucumbiran ás súas dotes de galán.

 

Vámola Alboreando – Entroido Ullán

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1

 

O concello de Teo, encravado ás beiras do Ulla, mantén a tradición dos Xenerais, que percorren todos os lugares da parroquia evocando aires paramilitares. Diante os «correos» montados da cabalo anuncian a súa chegada, a continuación e a pé os diferentes coros de bonito e de vellos, acompañados dos seus músicos, entran en escena interpretando cantares para a ocasión, rematando a actuación coas «vivas» dos xenerais dados ao cabeza de familia a cambio dun donativo. A escena repítese en todas as aldeas da parroquia rematando toda a comunidade nunha praza céntrica onde dan lugar os «atranques» ou «altos», enfrontamento verbal onde se fai alusión aos feitos políticos máis destacados transcorridos do ano pasado, tanto no ambito local coma no nacional.

Neste documento sonoro eliximos o canto de Antroido, que interpretou o coro de bonitos de Cacheiras no ano 1957, para lles render homenaxe a todas aquelas persoas que o fan posible, querendo destacar a figura do «poeta» creador das letras dos cantares e dos atranques, que polo regular vive na sombra do recoñecemento, sendo piar base -papel fundamental- no desenvolvemento da festa. Persoas que posúen o don de crear e dar voz a historias e feitos acontecidos na parroquia cun sentir moi irónico, cheo de retranca e algo de picardía. A través destas creacións podemos percorrer a historia e vivencias populares do concello de Teo.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1

A Don Hilario Teo Ferreiro, entre todos os existentes, para singularizar esta figura «alma mater» da nosa cultura, Nado en Raxó, Cacheiras, artífice de innumerables versos para o Antroido, e dicir, cantares e atranques (lírica do Entroido)que cultivou o longo da súa vida como unha faceta intrínseca á súa personalidade. Eliximos de entre toda a súa obra «O Ferreiro de Cacheiras» cantar que acadou moita sona na comarca e que narra en verso as artimañas deste home. Ponlle voz e melodía a Sra. Carmen da Castra, quen recorda á perfección a maioría dos cantares que foron no Antroido de Cacheiras. O seu coñecemento e participación carnavalesca non é por casualidade, ven lle herdado de seu pai, Don Xaquín da Castra, un dos maiores defensores neste xénero.

LIBRO CORREXIDO_FINAL3_Maquetación 1

E xa para rematar quixemos incluír o son da gaita de fol, presente ata hai pouco nas comitivas, xa que axudará a entender a tradición dos Xenerais, tanxida por Don Ramiro de Angrois, o gaiteiro insigne dos Carnavais da comarca. Son incontables os anos nos que este home participou activamente na unión carnavalesca. Escoitamos a «Muiñeira dos tres estalos» así a denominou, peza moi recorrida por el para tocar nun cruzamento ateigado de xente cando acababa de cantar o coro.

Queremos renderlles así homenaxe a estas dúas figuras claves, ao noso entender, no Entriodo da Ulla, o recoñecemento público raramente sucede. Que sirva pois este pequeno traballo como recoñecemento ao seu labor na sombra.