Archivo de la etiqueta: banda de musica

Memorias de Gervasio Salgueiro Estévez

Historicamente, as terras do Ulla son berce de boa xente e bos músicos, persoas que tiveron como motivo de preocupación a interpretación e defensa da cultura do país. Neste contexto atopamos entre as tradicións conservadas os Entroidos da Ulla;
grupos de requinta; xogos populares e, como non, a música propia da zona.
Das ribeiras do Ulla xermolaron diversas bandas de música. O espírito imperante por animar as almas da festa e as xuntanzas familiares en torno a unha mesa, foi o motor preciso para atopar na música o mellor complemento co fin de gabar os Santos e moverse ao compás das melodías. A presenza das bandas de música nestas festas pasou a ser obrigada, motivo polo que estas formacións foron adquirindo sona e tradición no lugar.
No medio de todo este envoltorio cultural e musical, nas terras de Teo -alá polo ano 1922- nace na pequena aldea de Cerdeira (Vilariño) o noso protagonista, Don Gervasio Salgueiro Estévez, quen foi capaz de poñer seu gran de area para a existencia da música de banda non só na zona, senón en toda Galicia.
A firmeza e constancia de Don Gervasio é tal que seu legado cultural e musical segue intacto: fundador de bandas de música, director noutras tantas; argalleiro de murgas, comparsas e charangas… Dende Cerdeira, a proxección da súa persoa supón un fito para a comarca da Ulla e un referente para toda Galicia.
Co paso dos anos, agradecémoslle ó mestre Gervasio todo o labor desenvolto por quen, tendo moi poucos recursos, chegou a formar parte dunha comunidade animándoa co espírito da música. Toda a súa calidade humana e o seu legado musical van permanecer en nós coma pouso do noso ser e animador das nas nosas inquedanzas.
Deste xeito ao igual que nós medramos rodeados polo labor que xente coma Don Gervasio fixo ao longo da súa vida, tamén é tempo, e de xustiza, que aqueles que fixeron cousas por nós reciban o noso cariño e todo o noso sentimento en agradecemento e gratitude.
O gran sementado polo noso protagonista xermolou e está san, dando seus froitos.

Historicamente, as terras do Ulla son berce de boa xente e bos músicos, persoas que tiveron como motivo de preocupación a interpretación e defensa da cultura do país. Neste contexto atopamos entre as tradicións conservadas os Entroidos da Ulla; grupos de requinta; xogos populares e, como non, a música propia da zona. Das ribeiras do Ulla xermolaron diversas bandas de música.

O espírito imperante por animar as almas da festa e as xuntanzas familiares en torno a unha mesa, foi o motor preciso para atopar na música o mellor complemento co fin de gabar os Santos e moverse ao compás das melodías. A presenza das bandas de música nestas festas pasou a ser obrigada, motivo polo que estas formacións foron adquirindo sona e tradición no lugar. No medio de todo este envoltorio cultural e musical, nas terras de Teo -alá polo ano 1922- nace na pequena aldea de Cerdeira (Vilariño) o noso protagonista, Don Gervasio Salgueiro Estévez, quen foi capaz de poñer seu gran de area para a existencia da música de banda non só na zona, senón en toda Galicia. A firmeza e constancia de Don Gervasio é tal que seu legado cultural e musical segue intacto: fundador de bandas de música, director noutras tantas; argalleiro de murgas, comparsas e charangas… Dende Cerdeira, a proxección da súa persoa supón un fito para a comarca da Ulla e un referente para toda Galicia.

Co paso dos anos, agradecémoslle ó mestre Gervasio todo o labor desenvolto por quen, tendo moi poucos recursos, chegou a formar parte dunha comunidade animándoa co espírito da música. Toda a súa calidade humana e o seu legado musical van permanecer en nós coma pouso do noso ser e animador das nas nosas inquedanzas.Deste xeito ao igual que nós medramos rodeados polo labor que xente coma Don Gervasio fixo ao longo da súa vida, tamén é tempo, e de xustiza, que aqueles que fixeron cousas por nós reciban o noso cariño e todo o noso sentimento en agradecemento e gratitude. O gran sementado polo noso protagonista xermolou e está san, dando seus froitos.

A figura de Don Gervasio

Trasmisor

Orixes

O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace o noso protagonista, fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez en Cerdeira, Vilariño (Teo). Destacando o seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia, presentamos a Don Gervasio Salgueiro Estévez.

O evoluír das bandas ao longo dos anos foi vivido e lembrado por D. Gervasio con estas palabras:

As bandas repartíanse en pequenos grupos. Por ejemplo na música de Vea eramos uns trinta músicos case sempre en formación de entre sete e nove membros, dependendo da dispoñibilidade e dos cartos destinados por quen os contratase mais, sete era o número mínimo. Os instrumentos “fixos” nestas actuacións eran o bombardino; saxo baixo, alto e tenor; caixa; bombo e algún clarinete.

A Regionalista

Os seus inicios foron no lugar de Couso onde asistía dúas veces por semana         -aproximadamente á idade de dez anos- ás clases de Don Agustín Pazos. En tempos da preguerra, e dende a casa familiar, camiñaba uns cinco quilómetros para poder aprender primeiramente as notas musicais e, a continuación, coller o seu primeiro instrumento: unha trompeta de cilindros. Ao pouco tempo chegaríalle ás mans o instrumento que o acompañará ao longo da súa vida: o friscorno.

Logo destes inicios chegou a época da guerra, momento tráxico para a evolución das bandas de música que viron interrompida toda actividade e crecemento, que non se verá retomado ao mesmo nivel ata a década dos setenta-oitenta. O conflito bélico supuxo un forte golpe para a música por mor da morte de moitos integrantes de formacións que tiveran que ir á fronte e, posteriormente o exilio doutros tantos, aspectos que fan que desaparezan moitas bandas.

Na súa dilatada carreira, á idade de dezanove anos Don Gervasio decide fundar a Banda Artística de Vilariño, no ano 1941. Por aquel entón era frecuente asistir a academias dúas ou tres veces por semana en lugares máis ou menos improvisados.

O oficio de mestre musical na década dos corenta era considerado de pobres, ao igual que o de mestres de escola, pois non cobraban nada pola academia –como fixera con el seu primeiro mestre- e daquela eran escasos os cartos nas vilas e lugares para contratar actuacións das bandas que dirixían e polas que si cobraban.

Pola man do mestre protagonista pasarían moitos músicos e, aínda que non todos saíron, si houbo verdadeiros talentos que chegaron a vivir da música, o que xa era moito.

Representación e escenografía

En moitas destas festas era frecuente ir “tocar o ramo”, é dicir, acompañar a imaxe do patrón ou patroa do lugar dende a casa do funcionista ata a entrada da igrexa. Coma bos convidados tocaban unhas pezas antes de botar a andar avisando a xente do lugar que se fora achegando para marchar todos en procesión. Unha vez na capela a formación musical oficiaba os actos relixiosos propios da misa como eran o alzar e a procesión e, para remate, un pequeno concerto á saída da misa grande.

A Regionalista

O ramo do patrón é unha réplica dunha imaxe relixiosa en formato pequeno, 30 ou 40 cm dun santo venerado nunha parroquia concreta  (o San Blas de Vilariño ou As Cabezas en Cacheiras), que o día grande é adornado con fitas de cores, caramelos, bombóns, etc… Todas as larpeiradas van envoltas con papeis chamativos e brillantes que conseguen acaparar a atención do público ao igual que as damas que o acompañan, polo xeral mozas da propia casa ou familiares. A comitiva do ramo vai presidida polos músicos.

Principalmente nos anos de escaseza económica a contratación das bandas estaba influenciada polo feito de degustar o que se coñecía coma a “Parva”, é dicir, quen contrataba o grupo de músicos ofrecía un xantar reservando unha mesa do convite só para eles; alá polas once e media da mañá, xa tiñan que comer. Como era o día grande da festa comida non faltaba, uns petiscos e ás veces incluso cocido ou callos, un único prato a repetir, viño do país e algún doce ou larpeirada. A alegría polo comer a fartar era un feito e o trato económico se cadra menor en contía permanecía adobiado con estes manxares.

Antigamente as bandas de música eran tamén coñecidas como “música” ou “músicas”

Homenaxe a D. Gervasio Salgueiro Estévez


Homenaxe

A figura de Don Gervasio

Orixes

O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace en Cerdeira, Vilariño (Teo) o protagonista deste libro e a quen lle queremos render tributo polo seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia: Don Gervasio Salgueiro Estévez.

Fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez, tivo tres irmás: Consuelo, María e Ramona e un irmán, Manuel.

Dende pequeno gustábame a música, púñame ao lado dos músicos cando viñan tocar… quedaba alí quietiño…”

Estas son as palabras coas que Don Gervasio lembra os seus inicios e gusto pola música. Dende ben pequeno amosaba admiración polos músicos que se achegaban ás festas da aldea, máis cando seu pai convidaba a comer a membros da banda en tempos en que estes eran repartidos polas casas dos veciños nos días da festa. O pequeno Gervasio víaos coma xente importante, elegantes cos seus traxes e gorras, á parte de traer o instrumento que terminaba de engaiolar ao noso protagonista.

Un momento do homenaxeDende estes anos el tivo claro que quería ser músico. A vocación, e en contra do que puideramos pensar, sabemos que non lle viña dada pola influencia directa de ningún familiar, se ben en “tempos antigos” puido existir algún antepasado músico.

Os seus inicios nesta arte foron no lugar de Couso onde asistía, aproximadamente á idade de dez anos, ás clases de Don Agustín Pazos dúas veces por semana. Dende a súa casa na preguerra- ía polos camiños a pé.

O día 5 de setembro de 2009 botamos a andar o I Certame Persoeiros da Terra do Concello de Teo, homenaxe que recaeu na figura de Don Gervasio Salgueiro Estévez.
O acto realizouse na parroquia de Vilariño, ás 18.00 horas do serán, no mesmo campo do baile que conta cunha estupenda carballeira e palco da música.
Logo da pertinente e digna recepción das autoridades do concello co noso homenaxeado, procedemos ó descubrimento da placa conmemorativa a pé de palco, quedando así de forma perpetua o nome de Don Gervasio Salgueiro Estévez rexistrado no lugar que o viu nacer.
O acto comezou –musicalmente- co concerto de clarinete solista a cargo de Nicolás Otero Conde, o que foi un dos seus alumnos predilectos interpretou para a ocasión unha obra de virtuosismo, dando de seguido paso á Banda Cultural de Teo, que colaborou de maneira desinteresada neste acto, xa que don Gervasio foi o seu fundador e director durante os seus primeiros anos de existencia.
Xa para rematar as actuacións do evento, o grupo Alvariza da A.C. A Culturalista, vestidos cos traxes propios das bandas de primeiros de século, interpretou pezas das músicas daquela época, reproducindo así o que foran estas formacións e sons antigos. Desta forma fíxose unha viaxe atrás no tempo, dende a actualidade ata os inicios na música do noso homenaxeado.
Finalmente e, como era a nosa obriga, fixémoslle entrega dunha batuta feita polas mans dun ourive coñecido de Santiago facendo imperecedeiro este día. Da mesma forma, o concello correspondeu co seu papel facéndolle entrega de diferentes presentes ó tempo que recoñecían a súa traxectoria como músico e fundador de numerosas bandas dentro e fóra do municipio e coma formador mestre de músicos en toda a bisbarra.
O bo tempo acompañounos nunha tarde solleira e primaveral que nos quixo servir de marco nun acto tan solemne arroupado por toda a súa familia que admira e estima o labor de Don Gervasio, tamén como músico, por todos os veciños de Vilariño e achegados e por compañeiros de fatigas coñecidos ao longo dos máis de 80 anos dedicados á música polo noso protagonista.
Como broche final, todos os músicos alí presentes: Banda Cultural de Teo, Alvariza e membros da antiga Banda Artística de Vilariño subiron ó palco e, baixo a batuta recén estreada polo que fora seu mestre, interpretaron todos xuntos o Himno Galego.
De agradecer foi a colaboración de A Senra café, nas mans de Rober e Mari, que se sumou a este acto convidando a un suculento cátering para todos os alí presentes e participantes.
A Regionalista aproveitou este día para facer a presentación do libro que recolle a vida e obra de Don Gervasio, o cal foi un éxito rotundo pois neste primeiro día as vendas superaron os 100 exemplares, o que resulta moi gratificante e nos motiva a seguir organizando estes eventos conmemorativos xa que son moitas homenaxes a persoeiros senlleiros que se perden no esquecemento.