Imágenes

Vámola Alboreando – Canto Infantil.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Este tipo de composicións encadrámolo dentro do que coñecemos como » ciclo vital «. Dende a nenez ata a mocidade, a cal remata no momento en que o individuo recibía o sacramento do matrimonio, simbolizando o pecho dunha das etapas da vida: a » idade infantil «. Hoxe en día ben mudaron as cousas verbo disto.

Nos primeiros pasos da vida ben sabido é que os pequechos reaccionan como esponxas absorbendo boa parte dos valores e coñecementos. Por tal motivo é moi importante nutrir de sensacións e experiencias, tanto físicas como intelectuais, esta primeira etapa vital.

Dentro da etapa que denominamos como infantil, o canto que escollemos non é de arrolo, máis non queriamos que pasase inadvertido. Recollido en Luou- Teo, ás Sras. Carmen Pedrouzo Vázquez e Sabina Parajo Sigueiro fai referencia a unha etapa da vida posterior á de berce, cando xa imos tendo «uso de razón». Hai algunhas décadas, as cousas non eran como agora, poucos eran os nenos que recibían escolarización, as aulas estaban masificadas e había escaseza de profesores. Á par, nas casas o traballo era moito, o que obrigaba os máis dos rapaces a ter que abandonar as aulas. Só uns poucos acadaban o certificado de estudios primarios, coñecido popularmente como saber ler e escribir.

Estes cantos axudan dalgunha maneira ao cultivo da memoria (capacidade intelectual), xa que o xeito de aprendelos é por repitición e memorización dos versos. Soen ser moi atractivos para os cativos, o que fan que aprendan con grande axilidade. En moitos casos forman parte de xogos ou roles do colectivo infantil, o que obriga máis se cabe á súa rápida aprendizaxe, tanto memorística coma psicomotriz.